Nesa xornada do Día de Europa tivemos como invitados de honra a dous ex-parlamentarios galegos: Fernando Branco Parga e Vidal Martínez-Sierra López (Ismael Rego González non puido asistir por cuestións familiares), que forman parte dun programa do Parlamento de Galicia para dar a coñecer as súas funcións e o traballo dos e das que nos representan. O Director, Modesto Refojo Alvariño, presentou os nosos invitados ao alumnado presente e visionamos un vídeo sobre os 40 anos do Parlamento de Galicia, como introdución á exposición de cada ex-parlamentario sobre a súa experiencia política. Para rematar a charla houbo un pequeno coloquio no que os e as presentes puideron compartir inquedanzas e cuestións varias.
Unha segunda toma de contacto coa realidade social e política que nos rodea foi a sesión final de EUROSCOLA do 25 de maio na que fumos invitados 17 centros de toda España, máis outros tantos de distintos países da Unión Europea conformado un foro xove de un milleiro de voces de futuro que escoitaron moi atentos a mensaxe da presidenta do Parlamento Europeo Roberta Metsola para seguir cunha breve exposición de Delphine Colard, directora xeral de comunicación do PE, sobre a lexislación da UE, información e desinformación, que podía ser comentada a través dunha plataforma de comunicación directa para todo o alumnado. A seguinte intervención estivo a cargo de Katarina Barley, vicepresidenta do PE (S&D alemán), que respondeu ás preguntas do foro, tanto presencial como virtual, de forma amena, instrutiva e detallada.
Estas actividades supoñen un elemento distinto na docencia cotiá e supoñen tamén un reto para o alumnado e para o profesorado tanto polas condicións das actividades como pola diversificación de recursos utilizados. Non é frecuente poñer en contacto directo nas clases ao alumnado e ao profesorado cos protagonistas directos da realidade social, nin tampouco poder debater e escoitar a un grupo tan numeroso e de nacionalidades distintas sobre os mesmos temas.
Ser escola embaixadora do Parlamento Europeo aportou ao centro unha ventá de coñecemento e experiencias dificilmente igualable e que permitiu que estiveramos en contacto con métodos de traballo, recursos, xentes e países distintos que forman parte do noso presente e serán parte do noso futuro.
Fomentar a tolerancia, promover o progreso científico e tecnolóxico, combater a exclusión social e a discriminación, fomentar a xustiza e a igualdade, respectar a diversidade cultural e lingüística,… son obxectivos da Unión Europea, pero tamén marcan as liñas educativas do noso centro e de cada membro da comunidade educativa que desexe un mundo mellor.
Esperamos do alumnado implicado neste proxecto que siga mantendo este título de embaixadores e embaixadoras junior da Unión Europea en todos e cada un dos lugares que elixan para desenvolver a súa vida, e que sirvan de exemplo de convivencia e respecto polos demais.