Site icon Crónica3.com A Mariña

Os populares defenden a concentración de fincas como medida de apoio á actividade económica do rural en Muras e Alfoz

Eugenia Requeijo e Juanjo Fraga trasladaron ao responsable de Medio Rural do Goberno galego en sendas visitas as súas propostas e demandas en relación ao sector primario e á prevención de incendios

Muras – Alfoz, 20 de maio de 2023. O responsable de Medio Rural do Goberno galego, José González, achegouse hoxe a Muras e Alfoz para arroupar aos candidatos populares á alcaldía, Eugenia Requeijo e Juanjo Fraga, respectivamente. Trátase de dous concellos onde o primario é o sector máis destacado e tamén unha das prioridades para os populares como demostran no día a día con propostas onde teñen responsabilidade de goberno e con reivindicacións nas distintas cámaras onde teñen representación. Nese sentido, os populares valoraron positivamente as ferramentas que a Xunta pon a disposición dos interesados en aproveitar as terras.

O Partido Popular de Muras defende a permuta voluntaria de fincas como recolle no seu programa electoral. É por iso polo que a alcaldable tamén se interesou por dar a coñecer aos veciños a posibilidade de que a Xunta desenvolva os denominados polígonos agroforestais.

O candidato popular á alcaldía de Alfoz, Juanjo Fraga, considera as concentracións parcelarias como unha ferramenta fundamental para a dinamización rural do concello e, ao mesmo tempo, para favorecer o traballo diario da xente de Alfoz. É por iso polo que agradece “o compromiso da Xunta para rematar os procesos en oito parroquias coa entrega dos títulos nun breve espazo de tempo”.

José González lembrou que “a Xunta aposta polas concentracións parcelarias como mecanismo para poñer en valor a terra agraria, aumentar a base territorial das explotacións e loitar contra o minifundismo. E, xunto a estas figuras, “estamos comprometidos co impulso doutros instrumentos que pon a disposición a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia que permitan poñer máis terras a disposición dos interesados. É o caso dos polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.

Tanto o PP de Muras coma o PP de Alfoz recollen tamén no seu programa electoral a mellora de pistas agrícolas e forestais que favorezan a actividade e as comunicacións e, ao mesmo tempo, manténdoos limpos, contribúen a previr incendios. A este respecto, lembran que a Xunta está implicada na limpeza de franxas próximas ás vivendas habitadas naqueles concellos adheridos ao convenio de defensa das aldeas, asinado entre a administración autonómica, a Fegamp e a empresa pública Seaga. Este convenio favorece a limpeza de pistas municipais e a creación de puntos de carga de auga para a loita contra os posibles incendios forestais.

DISCRIMINACIÓN DO GOBERNO A GALICIA NAS AXUDAS POLA SECA

Eugenia Requeijo tamén lle trasladou ao titular de Medio Rural as problemáticas que afectan aos gandeiros e gandeiras do sector cárnico da zona como son, ademais da continua presenza do lobo, a situación provocada pola suba dos custos de produción.

José González lembrou, nese sentido, que “a Xunta e o sector agrario -sindicatos, outras organizacións e o Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia- veñen de demandan unha reunión urxente ao Ministerio de Agricultura para que rectifique as axudas directas que prexudican aos gandeiros galegos”. Os populares consideran “inaceptable a discriminación territorial que sofre Galicia” na repartición das axudas directas publicadas no Real Decreto-lei; xa que tanto os sectores cárnico coma lácteo da comunidade recibirán, con respecto aos gandeiros doutras comunidades, “tan só un 25% dos importes previstos”.

Exit mobile version