O PP condena que “o PSOE só saiba criticar con mentiras, pero que sexa incapaz de facer propostas en positivo para A Mariña”
A Mariña, 19 de maio de 2023. O PP da Mariña pídelle ao PSOE que “se dedique a xestionar en vez de facer documentais imitando ao señor Sánchez”. Os populares subliñan que se trata dun “documental de ficción inventado polo PSOE; pero que, por moito que se esforcen, non vale nin para gañar un Óscar”.
Máis concretamente, o PP da comarca recrimínalle aos socialistas que “sexan incapaces de facer unha proposta en positivo para A Mariña”. En lugar diso, “só saben criticar; pero, encima, con mentiras”.
Os populares explican que “a día de hoxe non sabemos se o proxecto de Altri sairá adiante, porque o Goberno central non traspasou os fondos europeos aos que se comprometeu. E iso que, aínda que non se instale na comarca por unha cuestión técnica, si se proverá de eucalipto dos nosos montes”.
ALCOA, INFRAESTRUTURAS E SANIDADE
“Resulta chocante que fale de traizón o partido dun Goberno de Sánchez que case pecha Alcoa -hoxe en cesamento produtivo de aluminio- pola súa incapacidade de garantir unha tarifa eléctrica competitiva, cuestión para a que só ten competencia o Executivo central”, segundo lembran dende a formación popular.
Igualmente, condenan a “cara dura dos socialistas” por presumir de defender as infraestruturas cando é un goberno do PSOE o que ten bloqueada a autovía A-74, que só existe sobre o papel, e as estradas nacionais cheas de fochancas.
Do mesmo xeito, non entenden que “os socialistas falen de apoiar a sanidade pública”; pero que “votasen en contra da lei que está a permitir cubrir por concurso de méritos prazas vacantes en centros de saúde e no Hospital da Mariña onde, proximamente, se ofertarán 20 novas prazas”.