Site icon Crónica3.com A Mariña

O Presidente entrega bandeiras corporativas ás comisarías da Policía Nacional de Lugo, Monforte e Viveiro

Lugo, 9 de maio de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, fixo entrega este martes no Pazo de San Marcos ao Comisario Xefe Provincial de Lugo, José María Esteban Corral, á inspectora Xefa da Comisaría de Viveiro, María Begoña Cainzos Piñeiro, e ó Inspector Xefe en Funcións da Comisaría de Monforte de Lemos, Celso Dacal Vázquez, dos guións ou bandeiras corporativas para as Comisarías da Policía Nacional de Lugo, Monforte e Viveiro, que financiou a institución provincial.

O máximo mandatario provincial aproveitou o acto de entrega para amosar aos representantes das xefaturas a honra que supón para a Deputación facer entrega destas bandeiras, así como o “agradecemento ao traballo que levan a cabo día a día na provincia para velar pola convivencia e a seguridade da cidadanía”.

Os tres guións ou bandeiras financiados pola Deputación están bordados a dúas caras. Por un lado loce a inscrición do escudo de cada comisaría, mentres que polo outro porta un emblema significativo de cada localidade. Deste xeito, o estandarte Provincial de Lugo leva bordada a Muralla romana; o de Monforte de Lemos, a Torre da Homenaxe e o Castelo de San Vicente; e no caso de Viveiro, a Porta de Carlos V.

O Comisario Xefe explicou que estes estandartes van acompañar a partir de agora á enseña provincial nos actos representativos e solemnes da Xefatura da Policía. Neste senso, axentes destes corpos portarán estes guións en actos como por exemplo a celebración do Día do Patrón.

Exit mobile version