Site icon Crónica3.com A Mariña

O Presidente da Deputación participa en Lourenzá nos actos centrais en homenaxe a Fernández del Riego polas Letras Galegas

A institución provincial colabora economicamente coa organización dun programa de actividades durante todo o ano para dar a coñecer e poñer en valor a vida e obra do tradutor, novelista, historiador, xornalista, ensaísta e editor laurentino homenaxeado neste 2023 con motivo das Letras Galegas

Lugo, 17 de maio de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asistiu este mércores xunto á Alcadesa de Lourenzá, Rocío López García, nos actos centrais en homenaxe a Francisco Fernández del Riego celebrados hoxe na localidade mariñana con motivo do Día das Letras Galegas, que contaron coa presenza do Delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, o Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e alcaldes e alcaldesas da Mariña, entre outras autoridades, ademais de veciños e veciñas do municipio e do resto da comarca.

A institución provincial implicouse na organización dun programa de actividades durante todo o ano cunha achega económica de 60.000€ ao Concello laurentino, co fin de contribuír a dar a coñecer e poñer en valor a vida e obra do tradutor, novelista, historiador, xornalista, ensaísta e editor laurentino homenaxeado neste 2023 con motivo das Letras Galegas.

José Tomé destacou a importancia que ten para Lourenzá e para toda a provincia de Lugo que os actos centrais das Letras Galegas se celebren na vila mariñana polo que supón de recoñecemento da capacidade do Concello presidido por Rocío López para acoller grandes eventos de proxección autonómica, e pola promoción e visibilidade que supón da riqueza e dos recursos patrimoniais cos que conta Lourenzá.

Entre as actividades que se levan a cabo con motivo desta cita están as visitas guiadas por Vilanova, unha mostra temporal de xogos e xoguetes da súa nenez, vídeos e unha exposición. Tamén se promoveron traballos e iniciativas cos escolares do colexio público da localidade para que afonden na súa biografía dun xeito diferente.

Del Riego foi nomeado Fillo Predilecto de Lourenzá no ano 2000, conta cunha rúa e un busto na vila, ademais dun roteiro literario dedicado á súa persoa, que inclúe parada na súa casa natal.

Exit mobile version