Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP traballa “dende a humildade” para defender os intereses de Muras, mentres o BNG “difunde noticias falsas que amosan o seu nerviosismo”

Eugenia Requeijo lembra como exemplo da mala xestión do goberno local “a instalación de cargadores para vehículos eléctricos que non funcionan” e condena que “o alcalde pague unha invitación en barra con cartos do Concello”

Muras, 26 de maio de 2023. “Muras precisa un cambio para un goberno que trate a todos por igual”. Así o defende a candidata do Partido Popular á alcaldía, Eugenia Requeijo, no último día da campaña electoral no que pide o “voto de confianza” á candidatura popular que, “dende a humildade, a cercanía e, sobre todo, o cariño ao pobo e aos nosos veciños e veciñas, queremos traballar por Muras e todos os murenses”.

Os populares defenden que “o futuro de Muras témolo que construír entre todos” e por iso están a “escoitar as propostas da xente para facelas realidade”. Eugenia Requeijo comprométese a traballar en equipo -non só cos membros da candidatura, senón tamén cos veciños e veciñas- segundo criterios de responsabilidade e organización”.

Mentres o PP de Muras “está a traballar cos recursos que temos, o alcalde e candidato do BNG á alcaldía dedícase a difundir noticias falsas sobre a candidata popular. Iso o que demostra é que está nervioso”. Eugenia Requeijo aclara que “unha das propostas do noso programa electoral é precisamente a relativa ás axudas da luz; así coma outras dirixidas a estudantes ou a fomentar a natalidade”. E, ademais, lembra que “no pleno extraordinario do 13 de decembro de 2022, o Grupo Municipal Popular votou a favor das axudas” incidindo, incluso, na necesidade de incrementar o importe ante a subida da factura nos últimos tempos.

A popular lamenta que, “ademais de levar a cabo unha mala xestión que podemos apreciamos tódolos veciños, menta unha vez máis para intentar sacar rédito electoral”. Á marxe de valoracións, a candidata do PP cita feitos que demostran a “falta de criterio do BNG” á hora de desenvolver proxectos en Muras como é “desaproveitar unha parte da axuda do canon eólico do 2021 para instalar cargadores para vehículos eléctricos que non están funcionando e só os pode empregar o coche do Concello”. Son, polo tanto, “un espejismo”, di.

Eugenia Requeijo ten explicado tamén en varias ocasións que “o alcalde nacionalista non é tan transparente como presume” xa que dificulta o máximo posible o acceso da oposición á información á que ten dereito; e, ademais, “ten certos comportamentos que non compartimos para nada”. Pon como exemplo “cargar nunha factura do Concello unha invitación en barra. Aínda que o importe non é elevado -6,80 euros-, cremos que non debe usar os cartos do Concello, que son de todos, para este tipo de cousas”.

Exit mobile version