Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP presenta en Foz unha candidatura que mestura renovación e experiencia, con “ilusión, xuventude e integrada por xente representativa de cada parroquia”

Durante a presentación da candidatura popular, o aspirante á alcaldía, Javier Castiñeira, destacou que aposta polo diálogo, a participación e buscar o consenso cos colectivos veciñais e sociais

Foz, 1 de maio de 2023. Experiencia e renovación nunha porcentaxe pensada para gobernar con eficacia dende o primeiro día. Así é a lista do PP de Foz para as eleccións locais, que se celebrarán o próximo día 28, presentada hoxe no restaurante Leytón. O candidato á alcaldía, Javier Castiñeira, sinalou que a candidatura que encabeza ten “ilusión, xuventude, ideas renovadas” e está integrada por “xente representativa de cada parroquia”. Na presentación da lista popular estiveron, entre outros, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e membros da dirección provincial do PP, entre eles o coordinador xeral, José Manuel Balseiro (deputado autonómico), e o secretario xeral, Javier Vázquez Nodal.

A do PP de Foz é, en palabras de Javier Castiñeira, “unha candidatura de 20 persoas, 11 mulleres e 9 homes, dispostos a traballar para mellorar servizos, como os de limpeza, recollida de lixo e xardineiría; para mellorar o mantemento das vías locais; aumentar prazas de residencia e de axuda no fogar; crear máis prazas de gardería para conciliar”. A lista popular traballará “coa fundación para darlle saída ao Asilo; coa ACIA para que o pobo sexa máis atractivo, coas asociacións culturais para decidir onde ubicaremos o auditorio e coas asociación de veciños para coordinar os investimentos nas parroquias”.

Castiñeira sinalou: “Daremos participación real á xente e consensuaremos os orzamentos cos colectivos. Hai que actualizar as ordenanzas fiscais para axudar ás familias que viven no pobo, ás primeiras residencias e á xente que se decide polo rural; eliminaremos o imposto da plusvalía o primeiro ano de goberno e bonificaremos ás empresas que se asenten en Foz. Buscaremos solución aos solares abandonados, adecentaremos as entradas de Foz por Marzán e Vilaxoane, promocionaremos o eixo porto-Rapadoira e pediremos á Xunta que amplíe Porto Chico”.

O candidato á alcaldía lembrou os seus oito anos á fronte do goberno local, que foron anos “de feitos irrefutables”, nos que se logrou a residencia da terceira idade, aprobar o plan xeral, modernizar a zona comercial, mellorar a zona do porto, etcétera”. Lembrou tamén que, “na oposición, nestes catro anos, tentamos sempre seguir sumando”, e así se conseguiu “remodelar o instituto de Foz, xestionar a nova depuradora, defender a residencia, a escola de música, etcétera”.

BIPARTITO ENFRONTADO Á XUNTA

Castiñeira explicou que “agora a xente pode comparar como goberna o Partido Popular, aínda que sexa en minoría e en crise económica, e como goberna o bipartito”, a pesar “das contas saneadas que nós lle deixamos”. Engadiu: “Estiveron 4 anos enfrontándose á Xunta, que foi a Administración que máis investiu en Foz nos últimos 25 anos; tiveron a Deputación e o Goberno central e non sacaron proveito para Foz”.

Pola súa parte, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, loubou a figura de Javier Castiñeira de quen dixo “é o mellor candidato para facer de Foz un concello no que a xente poida vivir e traballar con dignidade e garantías “.

Lorenzana tamén subliñou o proceso de renovación da candidatura popular, da que destacou o peso feminino e “a experiencia e ilusión que amosan para retomar as rendas e encamiñar o futuro de Foz”.

Por último, María Jesús Lorenzana asegurou a súa confianza nas propostas do candidato popular á alcaldía focense para a creación de emprego, o fomento do emprendemento e a economía social e o incremento dos índices de benestar laboral e da sustentabilidade empresarial, ao que engadiu o compromiso sen fisuras de Javier Castiñeira “na loita pola igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, sen discriminacións de ningún tipo por razón de xénero”.

Pola súa parte, dende a dirección provincial do Partido Popular indicaron que “despois de catro anos de goberno do PSOE e do BNG os veciños de Foz teñen a oportunidade de comparar cos anos de goberno do PP, no que aprobouse o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), remodelouse todo o centro de Foz e foi reorganizada a zona do porto”. Sinalaron igualmente, que “nestes últimos catro anos socialistas e nacionalista só venderon fume, pero proxectos e obras non houbo; o que está claro é que non houbo nin unha soa obra importante que non fora da Xunta”.

A LISTA, NOME A NOME

1. Javier Jorge Castiñeira
2. María Mercedes Rodríguez Moreda
3. Laura Riveira Balseiro
4. Verónica Soto Piñeiroa
5. José Antonio Hermida Fernández
6. José Ángel Paleo Soto
7. María Dolores Labrada Labrada
8. Miguel Ángel Fernández Mon
9. Iago Rivas Eiroa
10. Nuria Sante Fernández
11. Francisca Díaz Díaz
12. Rocío Basanta Villapol
13. Fátima Rodríguez Moreda
14. Víctor Martínez Fonte
15. Jonathan Delantero Rodríguez
16. María Fernanda Pérez Rodríguez
17. Roberto Fernández Pena

Suplentes
1. Vanesa Maseda Vilar
2. José Rodríguez García
3. Paula Ortíz Díaz

Exit mobile version