Francisco Conde puxo en valor o traballo de empresas como Ferroplast e Tepsa e reclamou do Goberno un marco enerxético competitivo que lles permita traballar en igualdade de condicións que no resto de países europeos
Unha das cuestións que máis resaltan no proxecto de Eugenia Requeijo é a ampliación e adquisición de solo industrial entorno aos terreos das naves que utilizan as empresas para as súas labores. O municipio necesita esta ampliación do espazo para dar respostas ás demandas de solo que formulan os empresarios da zona.
Eugenia Requeijo destaca o seu total apoio á industria e apunta que “un dos asuntos que máis relevancia adquire para nós é adquisición de solo industrial para atraer empresas, axudar ás que están asentadas e xerar oportunidades de emprego para os máis mozos que, á súa vez, implica un apoio ao asentamento da poboación. Neste caso en Ferroplast queren ampliar unha zona de almacenamento e por iso é necesario máis solo industrial, con este tipo de medidas queremos apoiar o desenvolvemento da industria en Muras”.
Pola súa parte, Francisco Conde subliñou que grazas a Ferroplast, Muras é a denominación de orixe das primeiras tubaxes de PVC que se fabricaron en España nos anos 60. Por iso, considera fundamental que desde o Concello se lle facilite ás empresas de Ferroplast máis solo industrial para ampliar as súas instalacións, compañías -Ferroplast e Tepsa- que facturan entre as dúas preto de 75 millóns de euros e empregan a máis de 200 traballadores.
Conde trasladou, ademais, o apoio do PP á industria que, como Ferroplast, é intensiva en enerxía, -concretamente a coxeración e a electrointensiva- e reclamou do Goberno un marco enerxético competitivo que lles permita traballar en igualdade de condicións que no resto de países europeos.