O encontro, que tivo lugar coa responsable de Emprego e Igualdade do Goberno galego, María Jesús Lorenzana; permitiu aos empresarios expoñer as súas preocupacións laborais
No coloquio, a responsable de Emprego e Igualdade do Goberno galego conversou directamente cos empresarios e novos emprendedores para coñecer as súas preocupacións e resolver as súas dúbidas en cuestións como a formación específica para traballadores de pequenas empresas. Neste sentido, Lorenzana avoga por propostas para o fomento do emprendemento e a creación de emprego a través de iniciativas como a formación profesional específica que a Xunta dirixe a empresas para contratar e formar persoal cualificado. Ademais lembrou que hai un mes inaugurouse un Polo de emprendemento e apoio ao emprego en Mondoñedo para asesorar aos interesados en comezar cun proxecto empresarial e co que se prestará servizo aos 15 concellos da Mariña. Pola súa parte, os candidatos populares da Mariña lucense agradeceron a visita da conselleira como unha maneira de resaltar o compromiso da Xunta de Galicia co sector empresarial.
O candidato do PP de Lourenzá, Roberto Díaz Expósito, resaltou a importancia da cooperación entre os concellos como unha medida de fortalecer os municipios. Díaz destacou o seu apoio e compromiso co tecido empresarial e sinalou a necesidade de atender ás súas demandas.. Así mesmo, cre que o goberno local debe colaborar coa asociación de comerciantes.
Durante o encontro o alcaldable de Barreiros, José Manuel Gómez Puente, puxo en valor a visita de Lorenzana ante a problemática que teñen moitos autónomos para atopar traballadores e “a dificultade que iso supón para os seus negocios”. Neste sentido, Gómez Puente di: “Estas charlas permítennos trasladar de primeira mán os problemas dos noso veciños e atopar unha solución. En Barreiros temos principalmente empresas de hostalería e camping, pero non temos moito comercio, polo que hai unha preocupación xeral ante o escenario actual”. Para resolver esta problemática, desde o grupo popular de Barreiros queren revisar as parcelas que están sen uso no polígono industrial para impulsar a creación de empresas e estudar medidas que apoien ao comercio local.
Pola súa parte, o candidato á alcaldía de Trabada, José María Fernández Vázquez, destacou as axudas da Xunta de Galicia en materia empresarial como referentes e subliñou a necesidade de ofertar máis axudas no rural: “Nós queremos solicitar axudas máis específicas para os emprendedores do rural en poboacións de menos de cinco mil habitantes e disporemos dun programa de asesoramento a empresas e autónomos en materia de axudas e subvencións”.