A concelleira popular Laura Riveira, número 3 da lista do PP para as eleccións locais, asegura: “Na próxima lexislatura, imos facer un esforzo máximo para tratar de que o colexio de Fondo Nois sexa amañado, hai que mellorar as súas instalacións e a súa eficiencia enerxética”
Foz, 4 de maio de 2023. O PP de Foz ten demostrada a súa preocupación pola mellora das infraestruturas educativas do municipio, así como a súa capacidade para conseguir as intervencións que precisan. Agora dá un paso máis e comprométese a facer as xestións necesarias para o arranxo do edificio do colexio de Fondo Nois. Así o expón a concelleira popular e número 3 da lista do PP para as próximas eleccións, Laura Riveira. Sinala: “Compañeiros da candidatura do PP de Foz ás próximas eleccións locais trasladamos ao conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, que imos incluír no programa electoral a petición á Xunta de Galicia do arranxo integral do colexio de Fondo Nois, un centro que dá servizo a tres parroquias: Nois, Cangas e Cordido, que totalizan case 2.000 habitantes”. Os populares agradecen o apoio mostrado polo coordinador xeral do PP da provincia de Lugo, José Manuel Balseiro (deputado autonómico).
Riveira explica: “É un colexio importante, rural, que necesita unha modernización. Leva moitos anos nunha situación que ten que ser mellorada. Igual que fixemos no seu momento co colexio número 1, que solicitamos o seu arranxo e a consellería o fixo durante a etapa de goberno do PP no Concello; igual que fixemos co edificio de Bacharelato do IES de Foz, na época na que estivemos na oposición e a Xunta de Galicia está facendo ese arranxo, cun custo de 1.200.000 euros”. Engade: “Nesta nova etapa, na próxima lexislatura, imos facer un esforzo máximo para tratar de que o colexio de Fondo Nois sexa amañado. Mellorar a súas instalacións e a súa eficiencia enerxética figurará no noso programa electoral”.
Os populares explicaron os pasos dados á asociación de veciños de Nois, coa que estiveron reunidos; informarán tamén á comunidade educativa, porque a mellora do colexio “é unha demanda que nos veñen facendo tanto profesores como pais e alumnos”. Riveira confirma “o noso compromiso máximo co arranxo do colexio Fondo Nois para esas tres parroquias”.