O portavoz popular, Javier Castiñeira, pon de relevo os numerosos problemas que ocasionará o cambio xeralizado da numeración das casas, que tamén afecta, aínda que menos, á zona urbana
Castiñeira sinala: “No ano 2021, o goberno bipartito de Foz (PSOE-BNG) contratou a modificación do rueiro do municipio, cun custo de case 18.000 euros, con cargo ao Plan Único. Ao non saber nada , o PP preguntou no pleno varias veces e o alcalde dixo que estaba pendente de elaboración. En outubro do 2022 asegurou que xa estaba listo e, como dende entón non sabiamos nada deste asunto, o PP pediu ver ese documento e chámanos a atención que practicamente a totalidade das vivendas das parroquias teñen que cambiar de número, cos problemas administrativos importantes que iso supón”.
Os populares queren que o alcalde explique cal a razón pola que retrasa a exposición ao público do novo rueiro. Castiñeira di: “O alcalde non quere enfrontarse á decisión de dicir aos veciños das parroquias que, practicamente todos, van ter que cambiar os número que teñen as súas casas; tamén moitas do núcleo urbano”. O alcalde -asegura Castiñeira- ten que dar explicacións; parece -sinala- que “está esperando que pasen as eleccións”. O portavoz popular apunta: “Parece que oculta algo aos veciños, porque non é lóxico que un traballo que parece estar pagado xa non se expoña ao público”.