O candidato á alcaldía, Darío Cabaneiro, trasladou a súa proposta a Fabiola García e Javier Vázquez Nodal durante unha reunión con delegadas sindicais do SAF
O alcaldable popular comprometeuse, no caso de ter o apoio dos veciños e veciñas o vindeiro 28 de maio, a “facer as xestións necesarias para dotar á Pastoriza desta infraestrutura” onde ofrecer atención diúrna especializada ás persoas que o precisen co obxectivo de fomentar a súa autonomía da man do desenvolvemento de actividades e diversas terapias. Isto permitiría “facilitar ás súas familias a conciliación da súa vida laboral coa atención aos seus maiores, sen que teñan que desprazarse a outros concellos limítrofes”.
Así mesmo, recoñecendo o labor das traballadoras do SAF e a súa vinculación cos usuarios aos que prestan atención a diario, Cabaneiro trasladoulles a súa intención de “estudar a forma para que esas mesmas traballadoras os atendan tamén no centro de día”.
Os populares tamén cren necesario reducir a lista de agarda daquelas persoas que solicitan atención e polo tanto comprométense a solicitar á Xunta máis horas de atención nos domicilios; xa que “o goberno local ten na actualidade un total de 29 persoas esperando polo servizo, a pesar de que os seus expedientes xa foron avaliados pola Xunta”. Por outra banda, lembraron que “a Xunta achegou o ano pasado ao Concello, para sufragar o SAF, máis de 406.000 euros”.
GOBERNO UNIDO PARA ATENDER A TÓDOLOS PASTORICENSES
O PP está a traballar para ofrecer á Pastoriza un goberno unido e solvente con capacidade para xestionar as necesidades actuais dos pastoricenses e garantir igualdade de trato a tódolos veciños e veciñas do municipio. Ademais de apostar por “mellorar os servizos nas distintas parroquias contribuíndo ao desenvolvemento do sector gandeiro que é moi importante no noso concello, temos moi presente as necesidades relacionadas coa atención á xente da Pastoriza”.