Burela, a 11 de maio de 2023. Os traballadores e traballadoras da recollida de lixo e limpeza viaria do Concello de Burela volvéronse concentrar este xoves diante da Casa Consistorial para reclamar un convenio colectivo digno que supoña unha mellora real nas súas condicións laborais e nos seus salarios, que practicamente teñen conxelados dende 2011.
Despois da protesta, houbo unha nova reunión da mesa de negociación na que se trasladou á empresa a oferta salarial deseñada polo cadro de persoal para o pago das cantidades compensatorias polos anos 2023 e 2024 e as subas correspondentes aos exercicios 2025, 2026 e 2027.
“En principio, explica Xoán Díaz, secretario comarcal da CIG-Servizos, aínda que Urbaser indicou que lle parecía unha cantidade económica elevada, dixo que ía analizar os números polo miúdo e que nos darían unha resposta”. Unha resposta que, agardan, será unha contraoferta á proposta social.
Así as cousas, o persoal mantén o calendario de mobilizacións diarias no Concello de Burela e a convocatoria de folga indefinida que, de non producírense avances substanciais nas negociacións, comezaría o próximo 22 de maio.
Negociando dende novembro
As negociacións para o convenio colectivo comezaron en novembro pasado pero até o momento non foi posíbel chegar a un acordo definitivo a causa da insuficiente oferta económica da empresa, que alega que o contrato é deficitario. Para o secretario da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña este argumento non é máis que unha escusa.
“Custa crer que unha empresa da dimensión de Urbaser poida fallar tan estrepitosamente na previsión cando presentou a oferta e cando a concesión actual se licitou en 200.000 euros máis que a anterior”. Tampouco se entende, engade Díaz, que se realmente resulta deficitaria, a empresa non abone a cláusula de penalización e rescinda unilateralmente o contrato, que aínda remata en 2024.
Por iso, reclámalle á empresa que asuma as xustas demandas do persoal e dea un paso adiante para un acordo definitivo de convenio. “O tempo pasa e as condicións do cadro de persoal cada vez quedan máis desfasadas, pois as únicas subas salariais que tiveron foron as obrigadas polo incremento do SMI e estas non cobren nin de lonxe os actuais custes de vida nun momento ademais de inflación disparada”.
Hai que lembrar que o convenio que regulaba as condicións deste colectivo (que presta os servizos de limpeza viaria, recollida de lixo, xestión do punto e limpeza de praias de Burela) decaeu en 2011 e dende entón o persoal ten practicamente conxelados os seus salarios.
Pero ademais, a falta dun convenio de referencia provoca un baleiro e que nestes momentos haxa traballadores/as de primeira e de segunda, xa que mentres o persoal subrogado de anteriores empresas conserva os dereitos recoñecidos nese convenio, o persoal con menos antigüidade ten os dereitos mínimos recollidos no Estatuto das persoas traballadoras.