Ribadeo, 9 de maio, 2023. Un ano máis, e xa van 27, o IES Ribadeo Dionisio Gamallo participou no Día da Ciencia na Rúa celebrado o pasado sábado 6 de maio na Coruña. Aló fomos pasar o día un total de 31 alumnas e alumnos de 1º, 2º e 4º ESO acompañados por Andrés Rodríguez, Beatriz González e Susi Besteiro para presentar traballos realizados no Club de Ciencia e na materia de Proxecto Competencial.
Nesta edición o noso alumnado explicou moitos e variados proxectos que chamaron a atención do numeroso público. Os máis pequenos levaban réplicas caseiras dunha fonte infinita, “A fonte de Herón”, e da “Copa de Arquímedes” coa que o científico trataba de ensinarlles aos alumnos a importancia da mesura. Tamén amosaban o proceso de extración do fío de seda no traballo “Da eiruga ao fío”, o comportamento dun “Globo non newtoniano” e unha mostra dos rodolitos procedentes da “Praia das Palomitas” de Fuerteventura, que aínda que parezan comestibles son estruturas calcáreas formadas por algas.
Os medianos cautivaron aos visitantes co “Proxector Holográfico”, unha estrutura feita con metacrilato que permite transformar vídeos dun smartphone ou tablet en hologramas 3D e co “Hotel de insectos” con aposentos de madeiras, pedriñas e pallas. Asimismo, ensináronlles a moitos nenos e nenas a construir “A Ponte da Vinci”, unha ponte autoportante que se suxeita co seu propio peso.
Por último, os grandes foron os encargados de explicar a importancia do centro de gravidade co “Paradoxo mecánico”, un artiluxio que parece desafiar as leis da gravidade xa que sobre el, aínda que pareza mentira, un simple bicono fabricado con dous funís de plástico “sobe baixando” ou “cae cara arriba”. Tamén explicaban a importancia do ph e para medir o grao de acidez e levaban feita unha “Escala caseira de pH” co líquido resultante de cocer col lombarda e amosaron a viraxe de cor que experimentaba o papel indicador tamén elaborado por eles, ao engadirlle produtos de uso común, como vinagre, bicarbonato, leite, deterxente ou lexía. Finalmente co traballo titulado “A cor das hortensias” relacionaban a cor das flores destas plantas co pH do solo, canto máis ácido, máis azuis e canto máis básico, máis rosas.
Queremos felicitar ao noso alumnado por dedicar este día á ciencia: divulgando os traballos propios e aprendendo dos que levaban os outros participantes. Agora só queda expoñelos na propia casa ao remate do curso, na que vai ser o XXVIII Feira da Ciencia e Tecnoloxía do IES Ribadeo Dionisio Gamallo e que se celebrará os vindeiros 16 e 17 de xuño. Estades invitados!