Julio Torrado acusa ao goberno galego de actuar “coma o cobrador do frac” e utilizar a Portos “como boicot contra os concellos”
O responsable socialista lembrou a situación de numerosos concellos costeiros, que foron absorbendo os terreos que un día integraron o porto local, pero que polo avance urbanístico quedaron para usos municipais. Sen embargo, a entidade mantén estes terreos para cobrar por un uso que nada ten que ver coa actividade portuaria, pero sen embargo renuncian a asumir o seu mantemento ou limpeza, que recae sobre os gobernos locais.
Sinalou a situación de Cariño, onde o propio edificio do Concello sitúase en terreo de Portos, cando “ningún barco atraca no Concello e ninguén descarga peixe alí”, pero seguen pagando taxas á entidade, o mesmo que sucede no Grove. Citou os casos tamén de Burela, Vilaxoán, Cangas ou A Pobra, onde Portos cobra polo uso de zonas de tránsito nas que “non dan servizo, porque as papeleiras, a limpeza e o coidado dos xardíns é asumido polos concellos”.
Reclamou “solventar unha situación anómala” e que lles permitan aos concellos que xestionen uns espazos que de facto están a soster agora mesmo, e acusou ao goberno galego de “aproveitar un problema no canto de solucionalo”. Acusou á Xunta de empregar a Portos como “boicot”, provocando conflitos ao dificultar a actividade dos concellos e provocando diferenzas de taxas entre hostaleiros ubicados a 10 metros porque un está en terreo do Concello e outro non.
Lembrou que o goberno galego renunciou a incluír a reversión dos terreos a favor dos concellos cando aprobou a Lei de Portos en 2017, e seguiron rexeitando calquera iniciativa presentada polo Grupo Socialista ata 2020, cando comezaron a “votar a favor, pero con cumprimento nulo”. Lamentou que a conselleira diga que seguen a estudar a medida xa que, ironizou, “levan 10 anos estudando, igual teñen que empezar a poñelo en práctica”.