Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Socialista acusa á Xunta de impedir faenar aos palangreiros de Celeiro na fin de semana posterior aos temporais de xaneiro “por unha decisión política”

Patricia Otero denuncia que o goberno galego castiga a Celeiro e Muxía porque os ve como “os malos” e acusa á Consellería do Mar de “buscar a confrontación”

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2023. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, denunciou que a Xunta impediu faenar aos palangreiros de Celeiro e Muxía na fin de semana do 21 e 22 de xaneiro “por unha decisión totalmente política”. Otero presentou unha pregunta na Comisión de Pesca celebrada hoxe logo de constatar que a Xunta se negara a facer a excepción de permitir faenar que si autorizaran Asturias, Cantabria e o País Vasco.

Otero denunciou a hipocrisía política do goberno galego, que mentres di defender ao palangre galego afectado polo veto da Comisión Europea, no que depende deles busca calquera tipo de escusas para prexudicalos. Sinalou que por un lado o sector leva máis dun ano agardando polas axudas do goberno galego polo encarecemento dos combustibles derivados da invasión de Ucraína, por outra banda négase a apoialos cando pediron faenar nunha fin de semana.

Lembra que daquela os buques de Muxía e Celeiro levaban días amarrados a porto polas malas condicións, polo que pediron autorización do goberno galego para saír a faenar, pero o goberno galego confirmou hoxe que podía autorizalo pero non o fixo porque non o pediu todo o sector. Otero preguntou se “o problema era que o pediron os malos” para un goberno galego que “leva 14 anos buscando confrontar e diferenciando entre “os bos e os malos”.

Advertiu que o goberno galego “non está á altura” á hora de asumir as súas competencias para defender ao sector pesqueiro, e están obsesionados por “botar balóns fora”, o que os levou hoxe a intentar “botarlle a culpa ás outras comunidades autónomas” que si permitiron aos seus buques saír a faenar. Otero dixo que “se realmente están preocupados e queren axudar, o mínimo que podían facer é coller o teléfono e chamar ás outras autonomías a ver o que fixeron”.

Exit mobile version