Site icon Crónica3.com A Mariña

O domingo, 14 de maio, chega unha nova edición da tradicional Feira das Maulas en Galdo

Viveiro, 5 de maio de 2023. O Concello de Viveiro organiza un ano máis a tradicional Feira das Maulas, unha cita que conta con máis de tres séculos de historia e que é un referente na axenda cultural e de lecer na comarca. A edición deste ano celebrarase o próximo domingo, 14 de maio, coa colaboración de Asociación de Veciños de Galdo.

A programación desta festa foi presentada o pasado mércores pola alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, o tenente de alcalde, Jesús Fernández, e membros da Asociación de Veciños Camiño de Galdo.

“Para o Concello de Viveiro é un motivo de orgullo poder continuar organizando unha feira de tanta tradición e con tanta historia como esta Feira das Maulas. Dende o seu nacemento en 1721 foron moitos os veciños e veciñas de Galdo que puxeron o seu graniño de area para que chegase ata hoxe, así que como rexedora non me podo sentir máis feliz de poder manter este legado”, afirma a alcaldesa María Loureiro.

A Feira das Maulas naceu como unha feira franca ou libre, na que os veciños de Galdo vendían aparellos de labranza, gando, pan, viño, panos ou froita.

A programación deste ano comezará as 10:00 horas co mercado popular e a feira do gando, para continuar ás 11:00 coas Carreiras de Cabalos que inclúen probas federadas de Serrada e Chapeada supervisadas pola Federación Galega de Hípica.

A partir das 14:00 horas a sesión vermú será amenizada polo trío Folixa, antes de que as 16:00 continúen as carreiras coa disputa da segunda manga e a entrega de trofeos para os tres primeiros clasificados en cada categoría.

A Feira das Maulas do domingo 14 de maio rematará, como é tradicional, cunha gran verbena.

Exit mobile version