As fases II e III do Plan director do Hospital da Mariña acadan un investimento, por parte da Xunta de Galicia, de 30 millóns de euros
Ao respecto destas obras de ampliación, cómpre remarcar que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentou, recentemente, ao persoal do hospital, o proxecto arquitectónico das fases II e III do Plan director, no que a Xunta de Galicia investirá 30 millóns de euros para completar a reforma deste centro da rede do Servizo Galego de Saúde. Estes 30 millóns engádense aos 19 investidos nas obras previas.
A obra ampliará 4.000 m2 e reformará outros 8.200, con importantes aumentos nas áreas de urxencias, radioloxía, laboratorio ou docencia. En concreto, ampliarase nun 14% a superficie do hospital de día polivalente, nun 20% a superficie das urxencias e mailo PAC, noutro 20% a zona de radioloxía, nun 23% a área de anatomía patolóxica, nun 26% o espazo do laboratorio, e ata un 40% a área de cirurxía maior ambulatoria.
A culminación desta reforma suporá aumentar a superficie do hospital case un 70%, pasando dos 16.700 m2 que tiña en 2015 aos 28.200 cos que rematará tras esta última actuación; e investirase en total case 50 millóns de euros nas distintas fases deste proceso de renovación integral.