O Valadouro, 11 de maio, 2023. O Concello do Valadouro reforzou o parque móbil cun vehículo de emerxencias que facilitará a intervención municipal en situacións que afecten á seguridade e ás cotidianeidadebdas veciñas e veciños.
O vehículo, adquirido coa colaboración de Medio Rural da Deputación de Lugo, conta cun depósito duns 3.000 litros de auga que permitirá subministrar auga en caso de carencias ou fallos do abastecemento e tamén en caso de lumes, facilitando unha primeira intervención rápida dos servizos municipais.
Tamén conta cun xenerador eléctrico de 30 caveas que permitirá subministrar electricidade en caso de avarías na rede eléctrica ou habilitar puntos de electricidade en espazos que non dispoñen deles, colaborando na organización de festas ou outro tipo de eventos ao aire libre.
Ademais, a operatividade do vehículo ampliarase coa instalación dunha coitela que permita empregalo como quitaneves, axilizando a resposta municipal en caso de problemas nas vías polas condicións meteorolòxicas.
O tenente alcalde do Valadouro Eduardo Chao explicou “que se trata dun medio moi necesario para o Concello que non dispoñía de vehículos destas características desde fai anos” e suliñou que “o novo vehículo permitirá atender dunha forma áxil incidentes e circunstancias que se dan en varias ocasións ao longo do ano e que ata o de agora tiñamos dificultades para atender ao non dispoñer de medios propios”
Eduardo Chao destacou tamén “a importancia de contar con este novo vehículo para o inicio do verán, cando pode resultar máis necesario para a subministración de auga ou a intervención en lumes”.
A compra do vehículo, de segunda man, supuxo un investimento de 14.000 euros.