Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro recorda a figura do poeta Carlos Oroza no centenario do seu nacemento

No verán, acollerá unha exposición sobre a súa vida

Viveiro, 15 de maio de 2023. O Concello de Viveiro mantén vivo o recordo dun dos seus veciños máis ilustres, o poeta Carlos Oroza, do que este sábado se cumpriu o centenario do seu nacemento e que este verán será protagonista dunha ampla exposición ao aire libre nos Xardíns Noriega Varela.

O viveirense é un poeta adscrito á xeración beat, de inspiración rebelde e contracultural, recoñecido polos seus excelentes recitais. Era un mestre no arte da poesía oral e un referente que impresionaba pola súa forza e a viveza da súa voz.

Aínda que marchou moi novo de Viveiro cara a Madrid e residiu a maior parte da súa vida en Vigo, Oroza deixou pegada na súa vila natal e este verán os veciños e veciñas poderán achegarse a súa figura a través da exposición impulsada pola Asociación Évame-Oroza e a Xunta.

O Concello de Viveiro está en contacto directo coa Asociación Évame-Oroza que traballa na promoción do legado literario deste autor, e xa ten previsto una serie de iniciativas para conmemorar este centenario aproveitando a inauguración da exposición na vila. Entre os actos que se levarán a cabo está poñerlle o nome de Carlos Oroza a unha rúa.

“Estamos moi orgullosos de contribuír a por en valor a obra dun dos referentes da poesía oral no noso país. Viveiro é berce de moitos grandes nomes da nosa literatura e dende o Concello estamos moi satisfeitos de dar a coñecer o seu legado”, afirma a alcaldesa de Viveiro María Loureiro.

A mostra, que actualmente se pode ver na cidade olívica pero pasará por diferentes vilas de Galicia, conta con seis cubos con imaxes e textos que fan un percorrido pola súa vida e a súa obra.

Exit mobile version