O acto apadriñado por esta prestixiosa organización servirá de pulo a nivel internacional para os recursos turísticos da vila
Gracias ao esforzo e o constante traballo realizado dende a concellería de Turismo e pola súa concelleira, Marisol Rey, os contactos que se iniciaron hai tempo coa Confraternidad de Saint James para levar a cabo unha presentación que promocione ambos recursos no Reino Unido xa ten data.
Deste xeito, o sábado 18 de novembro de 2023 será unha xornada especial para dar un novo pulo turístico a Viveiro, pois será o día no que a Semana Santa de Viveiro e o Camiño do Mar acaparen o protagonismo desta prestixiosa organización que traballa na promoción do Camiño de Santiago dende hai máis de 40 anos.
“É un paso adiante importantísimo para Viveiro. Conseguir esta presentación no Reino Unido, en Londres, por parte da Confraternidad de Saint James, supón un pulo para dar a coñecer os nosos recursos turísticos en novos países e contribuír así a dinamizar a nosa hostalería e o noso comercio”, subliña a alcaldesa de viveiro María Loureiro.
“Estamos realmente felices de que despois de todos os nosos esforzos, de tantas chamadas, de tanta información enviada, por fin contemos xa con data para facer esta presentación”, afirma Marisol Rey. “Foi algo realmente difícil de lograr, tivemos que recorrer a moitas explicacións, vídeos, informando do que é e do que supón a nosa Semana Santa e comprendesen a súa simboloxía e a do Camiño do Mar. Por iso estamos tan felices”, engade a concelleira de Turismo.
A Confraternidad de Saint James foi creada en 1983 por seis persoas que compartían unha paixón pola peregrinación a Santiago. Iso os levou a organizar conferencias e a realizar numerosas investigacións, artigos e guías sobre as Rutas Xacobeas, convertendo a súa pequena asociación nunha das máis grandes do Reino Unido. Agora, 40 anos despois, a súa evolución é espectacular con máis de 1.500 membros en diferentes países como Australia e Estados Unidos, contan ademais con dous albergues de peregrinos no Camiño, un sitio web enciclopédico e unha biblioteca moi completa dedicada á peregrinación e ao Apóstolo.
A súa función é semellante á dun turoperador e de feito levan anos traballando con Turgalicia.
Na pasada Feira de Fitur, Marisol Rey xa tivo a oportunidade de reunirse con Rachael Diaz-Pinto, representante da Confraternidade, para ultimar os detalles desta importante presentación do próximo mes de novembro en Londres.