Ribadeo, 14 de maio, 2023. O BNG de Ribadeo pon en coñecemento da cidadanía ribadense que o goberno municipal do Concello de Ribadeo xa comezou a realizar as actuacións oportunas para poder poñer a disposición da Xunta os terreos necesarios para construír o novo centro de saúde. De momento xa se modificou o PXOM para poder dispoñer duns terreos, a opción que máis acaída considerou a Xunta. Pero de cartos non se falaba. Acaso pretende a Xunta que o concello teña que poñer diñeiro para construír o centro de saúde? É que, non tendo colaborado coa construción da Residencia de Maiores, e sen ter aínda manifestado de forma clara, negro sobre branco, que vaia colaborar coa reforma integral do Hospital Asilo, quere ademais pedir que o concello lle axude á Xunta con diñeiro para facer o centro de saúde?
Por outra banda, cando se insiste que queren xa os terreos, queren que o goberno municipal salte a legalidade vixente, a urbanística, competencia da Xunta, e ignore os informes preceptivos que ten que realizar a propia Xunta a respecto da proposta de modificación parcial do PXOM, para podermos seguir adiante co proceso de expropiación dos terreos seleccionados? Por que tarda tanto a Xunta e realizar ditos informes? Quere xerar a sensación de que o concello non é capaz de achegar os terreos? O concello cumpriu. Que cumpra a Xunta e aprobe eses informes xa.
Chámanos especialmente a atención que agora se fale de diñeiro. Non está en condicións a Xunta de comprometer unha partida orzamentaria para a construción de dito centro de saúde? Necesita apoio económico do Concello? A Xunta de Galicia non foi quen de apoiar a construción da Residencia de Maiores. Non se lle ve traza ningunha de que vaia apoiar con diñeiro a reforma integral do Hospital Asilo. Acaso quere introducir máis confusión aínda e comeza xa a traballar o terreo para postergar a construción do novo centro de saúde e busca como culpar ao goberno municipal do Concello de Ribadeo de que non se vaia facer? E que papel xoga nesta lea o deputado Daniel Vega: vai defender Ribadeo ou aspira a colmar as aspiracións dos seus superiores na súa teima contra Ribadeo e a súa veciñanza defendendo o indefendible?
Por outra banda, dá a impresión de que o señor Comesaña se está deixando influír polos costumes “un tanto decimonónicos” de Daniel Vega, que pede que nos saltemos a legalidade vixente e incumpramos as normas urbanísticas. O goberno municipal de Ribadeo, sustentado polo BNG, é un goberno solvente e responsábel; somos unha organización política seria. Hai quen pensa que calquera vai estar disposto a asinar declaracións xuradas nas que mente porque pensa que vai obter beneficio político ou económico. Nós non actuamos así.
Non todo vale en política, señor Daniel Vega. E vostede, señor Comesaña, cre que todo vale en política? Por que nos pede cousas que dependen do seu goberno, tramitación da solicitude de modificación parcial do PXOM? Por que insiste que non somos quen de cumprir coas nosas responsabilidades cando son vostedes que non cumpren? A vostedes, na Xunta, tamén lles vai o de asinar documentos en falso testemuño ou prefiren mirar cara a outro lado cando os ven?