En canto ao centro de saúde, o BNG de Ribadeo, co goberno municipal á cabeza, sempre estivo presente nas mobilizacións cidadáns que reclaman máis persoal para a nosa atención sanitaria. Porque temos claro que o primeiro e fundamental problema da sanidade galega é a política de recortes drásticos que exerce o goberno da Xunta de Galicia, apoiado entre outros polo deputado Daniel Vega, sobre os orzamentos sanitarios. Con todo, tamén temos manifestado a necesidade dun centro de saúde acorde coa situación actual de Ribadeo. E nese sentido, unha vez que a Xunta aceptou o reto de buscar unha solución ao problema das instalacións do actual centro de saúde, o goberno municipal de Ribadeo, co apoio do BNG de Ribadeo, adoptou unha posición de diálogo construtivo. Fronte á responsabilidade do BNG, o concelleiro da oposición, Daniel Vega, facía propostas un tanto estrambóticas, que a propia Xunta de Galicia desestimou.
Froito dese diálogo, o goberno municipal puxo a disposición da Xunta varias opcións para ubicar o novo centro de saúde. Ningunha delas recollía os anceios megalómanos do líder da oposición. E a Xunta, no canto de escoitar cantos de serea opositora, optou pola que considerou a mellor das opcións de entre as que achegou o concello. Aí morreu o conto por parte de Daniel Vega. Quedou en evidencia ante a propia Xunta de Galicia. As súas opcións non eran serias, non eran solventes, non se sostiñan.
Pero logo atopou o líder da oposición un novo oso no que roer: “o Concello de Ribadeo non cumpre coa Xunta!” Falso: o goberno municipal de Ribadeo, consonte á maneira de entendermos a política no BNG de Ribadeo, cumpre cos seus compromisos e cumpre coa legalidade vixente. Trámites como a modificación parcial dun PXOM non se fan nun día nin en dous. E unha vez aprobado ese trámite, aínda temos que agardar por diferentes informes doutras administracións (entre elas a Xunta). O Concello de Ribadeo está preparado para responder tan axiña como sexa posíbel aos informes preceptivos que envíen desde as diferentes administracións. E tamén actuará segundo a lei á hora de proceder á expropiación dos terreos escollidos. Isto é algo máis serio que regalar catro camisetas, ou prometer orquestras. “Ese chico de costumbres un tanto decimonónicas”, como alguén o definiu na anterior campaña, debería ir comprendendo que non se pode faltar á verdade de xeito tan contumaz. Acabamos dándonos conta de que algo falla.
No que á Illa Pancha se refire: despois de ter esgotado o goberno municipal todas as vías, optou por unha acción contundente: retirar a cancela. Algo se faría ben cando as autoridades xudiciais non deron a razón a quen reclamou e mesmo puxo denuncias contra os membros do goberno, por teren retirado dita cancela. Onde está Daniel Vega? Defendendo á autoridade portuaria que quere volver poñer a cancela? Defendo á autoridade portuaria que se nega a asfaltar o tramo de estrada que lle corresponde? Defendendo á empresa privada que interpuxo unha querela criminal por usurpación indebida contra varios membros do goberno? Nesta ocasión, Daniel Vega non deu nin un chío. Non pensa en Ribadeo. Pensa nos seus.