Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz solicita a retirada dos Plans de Ordenación dos Espazos Marítimos

Foz, 18 de maio, 2023. O BOE do 4 de marzo deste ano, publicou os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM), co que se pretende instalar no noso país o 43% da eólica mariña prevista para todo o Estado, uns 2.200 quilómetros cadrados de costa. De consumarse, suporía a perda de miles de postos no sector pesqueiro, sector chave da nosa economía e convertiríase nun dos maiores ataques históricos á pesca e aos ecosistemas mariños. A pesca representa a día de hoxe máis de 31.000 empregos directos e de 120.000 inducidos, representa o 2% do PIB galego (o 4,8% se atendemos a todo o sector do mar). Os POEM suporían a destrución do sector pesqueiro para que se sigan enriquecendo as grandes eléctricas, convertendo ao noso país nunha colonia enerxética.

O BNG de Foz vén defendendo desde hai tempo que non é aceptábel prever parques eólicos na nosa costa polas características da plataforma galega, unha plataforma moi estreita que provoca que os proxectos se sitúen a tan só 20-25 quilómetros da costa, en espazos de alta sensibilidade ambiental e de alta produtividade pesqueira. Galiza posúe no seu litoral unhas condicións naturais absolutamente extraordinarias, únicas, en cantidade e calidade, para o desenvolvemento da actividade pesqueira e marisqueira. Por volume de negocio a pesca é a segunda actividade económica galega despois da automoción, co 10% do total das exportacións no sector mar-industria. Galiza representa mais do 10% da capacidade pesqueira do conxunto da EU e o 9% dos empregos na pesca.

Na disxuntiva, entre o aproveitamento da plataforma continental galega para a eólica mariña ou a súa protección para as máis de 150.000 persoas que viven de xeito directo ou impulsado da pesca nun país de apenas 2,7 millóns de habitantes, o BNG de Foz teno claro. Defendímolo na proposta de apoio ao Manifesto Burela, e celebramos agora que o Tribunal Supremo xa admitise a trámite o recurso do proprio sector unido na Plataforma en defensa da pesca e dos ecosistemas mariños.

Por iso instaremos ao Goberno español á retirada inmediata dos POEMS a preservar a costa galega para o sector pesqueiro e para os milleiros de persoas que viven do mar e á Xunta de Galiza a que defenda por todos os medios ao seu alcance ao sector pesqueiro galego, loitando para que Galiza estea libre de eólica mariña

Exit mobile version