Viveiro, 13 de maio, 2023. Míriam Bermúdez, a alcaldable do BNG en Viveiro, pon de manifesto a irresponsabilidade do actual equipo de goberno do PSOE que decidiu non aplicar a ordenanza aprobada
“Temos constancia de que esta ordenanza non se está aplicando, o que supón unha inseguridade xurídica para ambas partes, Concello de Viveiro e Sector Forestal. É inadmisible que un texto aprobado en abril de 2022 non se estea aplicando pola falta de rigor e competencia que obriga a traballar ao sector forestal sen ningunha proba documental da súa actividade, o que supón tamen para o Concello, unha total inseguridade xurídica á hora de velar polo correcto uso dos viais municipais”, detalla Míriam Bermúdez.
Por outra banda, o texto supón unha clara restricción e complicación dos traballos forestais, no que as exixencias burocráticas atrancan as solicitudes por non desenvolver ferramentas tecnolóxicas que axilicen os trámites tanto para o persoal do concello como para as empresas.
Míriam Bermúdez solicitou a suspensión temporal da ordenanza mentres non se modifique e acorde a modificación do texto na que exixe a participación de todas as empresas do sector forestal que habitualmente traballan no Concello de Viveiro, a maioría representadas pola Asociacion de Empresarios de Primeira Transformación da Madeira de Lugo, así como persoal técnico competente na materia, Axentes Forestais por exemplo e as persoas portavoces dos grupos que conforman a Corporación Municipal.