“É necesario adaptar os espazos para as persoas e non ao revés” sinala Míriam Bermúdez, “hoxe en día en Viveiro hai que facer peripecias para moverse en cadeira de rodas, camiñar con bastón ou mesmo levar un carriño de bebé. É inadmisible que aínda existan en Viveiro beirarrúas sen rampa nos pasos de peóns tal e como se pode ver na praza Donapetry, por poñer un exemplo”.
Existen moitas barreiras especialmente urbanísticas, polo que queremos peonalizar espazos como a Praza de Lugo, mover o mobiliario urbano que non permite o paso cómodo, instalar pasarelas para acceder ás praias, implantar axudas técnicas para acceder ao vaso da piscina e mesmo ao edificio consistorial… Necesidades que para sacar adiante se precisa dun Plan de Accesibilidade como ferramenta de xestión.
Así como outras barreiras non urbanísticas como a implantación de semáforos sonoros ou o sistema de bucle magnético nos edificios municipais, sen deixar no esquecemento as barreiras na comunicación facendo accesible a páxina web do Concello.
Míriam Bermúdez ten claro que “o BNG no goberno facilitará a vida de toda a veciñanza nun Viveiro Sen Barreiras, en beneficio de toda a comunidade e servindo incluso de reclamo turístico”.