Viveiro, 14 de maio, 2023. Co BNG no goberno de Viveiro crearase o Consello Escolar Municipal, unha necesidade que constatou a súa urxencia durante a xuntanza coas ANPAS que levou a cabo Míriam Bermúdez, onde estas compartiron inquedanzas e un sentimento mutuo de abandono polas administracións. “Reunirse e coordinarse é fundamental, é necesario un órgano como o Consello que facilite a comunicación entre toda a Comunidade Educativa, un mecanismo que nos permita estar cerca e coñecer de primeira man as necesidades dos centros de ensino e decidir actuacións en beneficio das crianzas”
A portavoz do BNG, Míriam Bermúdez, considera esta ferramenta indispensable para previr situacións tan graves como a que leva arrastrando dende hai uns 10 anos o CEIP Santa Rita de Galdo, cando se detectou por parte do centro que había couza en varios elementos da carpintaría así como outros problemas en canto a humidades e deterioro da instalación.
O BNG ten constancia que por parte do equipo directivo foron múltiples os contactos coa Xefatura Territorial, mesmo presentando unha proposta valorada para substituír todos os elementos de madeira do centro, que suporía acabar co problema.
Cabe destacar que nese momento, ocupaba a Xefatura Territorial a actual candiadata do Partido Popular, Mª del Carmen Gueimunde, que coñecedora da problemática evitou acometer as obras necesarias argumentando varias desculpas: que non había cartos, non era o momento, había outras prioridades… O máis que se fixo foi unha actuación parcial que non solucionou o problema. Un gasto inútil que fixo que o deterioro fose a máis e que o alumnado do centro leve dous anos sufrindo as picaduras dos parásitos da couza.
“É inconcebible que a responsable da Xefatura Territorial no momento, actual cadidata do Partido Popular, ignorase desta maneira unha situación tan grave que incluso afecta á saúde dos máis pequenos”. Míriam Bermúdez, chama a toda a veciñanza a acudir á manifestación convocada pola ANPA do CEIP de Galdo para reivindicar unha actuación urxente.