O coordinador xeral do PP da provincia de Lugo, José Manuel Balseiro, interveu nos mitins en O Vicedo, Xove e Cervo
Corgos estivo en Viveiro, nun reparto electoral coa candidata popular á alcaldía, Mariña Gueimunde. Posteriormente, arroupou no mitin ao alcalde e candidato a repetir na alcaldía do Vicedo, Jesús Novo. O alcaldable, na súa intervención, criticou a falta de investimentos da Deputación no Vicedo. Neste sentido, dixo que os cartos que chegan dende a Deputación son practicamente en exclusiva aqueles que non ten máis remedio que aportar, que son os do Plan Único. Novo dixo que o único investimento fóra do citado plan foi o de 30.000 euros nunha estrada en pleno proceso electoral.
Novo destacou na súa intervención que están iniciados os trámites para a expropiación dun tramo do paseo da praia de Fomento, e puxo de relevo tamén que xa están avanzados os trámites para adxudicar o centro de día.
Pola súa parte, Miguel Corgos salientou o compromiso do Goberno galego cos concellos e lembrou que coas rebaixas fiscais aprobadas polo Executivo autonómico de media cada galego se aforrará 476 euros ao facer a declaración do IRPF correspondente ao ano 2022.
O titular da Facenda Autonómica tamén subliñou que o Programa de Impostos 0 no rural, pioneiro en España, favorece a mobilización de terras agrarias e a actividade agrogandeira e que calquera veciño que queira comprar fincas rústicas, vendelas ou agrupalas non paga impostos.
Igualmente, expresou o claro compromiso do Goberno galego co reequilibrio territorial, polo que, orzamento a orzamento, investimos máis nos veciños da provincia de Lugo. Como exemplo, dixo que este ano o investimento por veciño en Lugo é de 5.288 €, o maior das catro provincias.
Por outra banda, para evitar a exclusión financeira, resaltou que, grazas ao impulso da Xunta de Galicia, O Vicedo xa ten operativo un caixeiro e os veciños e veciñas poden facer a diario no seu pobo as xestións financeiras máis necesarias sen terse que desprazar a outro concello.
A responsable do Mar do Goberno galego, Rosa Quintana, apoiou aos alcaldes e candidatos a repetir na alcaldía de Xove, Demetrio Salgueiro, e de Cervo, Alfonso Villares. Nos dous casos, resaltou o traballo feito polos respectivos gobernos locais ao longo dos últimos anos e expresou a necesidade de que se manteña no tempo esta liña de xestión, para conseguir os mellores servizos e infraestruturas para os veciños.
En Xove, Demetrio Salgueiro manifestou que o próximo mandato seguirá mantendo a aposta polos servizos sociais, nos que este concello é todo un referente. Da mesma maneira, proseguirá o apoio e colaboración coas asociacións, como forma de implicación dos veciños na vida do concello. Na mesma liña de xestión que a mantida ata agora, na folla de ruta deste alcalde e de novo alcaldable figura avanzar nas infraestruturas, tanto no que se refire a estradas como as relacionadas co ciclo da auga, ademais de dotar ao concello dun novo pavillón. Destacou tamén as xestións para o novo porto deportivo de Morás. Salgueiro confirmou o seu convencemento de potenciar o plan de emprego e de impulsar a ampliación do polígono de Camba.
En Cervo, o alcalde e de novo alcaldable popular, Alfonso Villares, puxo especial énfase en resaltar que por fin, despois de 35 anos, o Concello está libre de hipotecas económicas. Con esta situación, danse as condicións “para seguir construíndo Cervo con todos os proxectos do noso programa”, sinalou Villares. Manifestou que o prioritario é “seguir preservando os servizos públicos, nos que somos referentes en Galicia”.