García Bermúdez afronta esta nova etapa “con proxectos de futuro, reais, claros e concretos, e con forza, ganas de seguir traballando, con ilusión e co aval da experiencia, do coñecemento e tamén da nosa traxectoria”
Os socialistas da localidade celebran mañá o mitin de peche de campaña ás 22:00 horas na Casa da Cultura, coa presenza de Patricia Otero, Deputada no Parlamento de Galicia; César Mogo, Senador, e Ismael Rego, ex Deputado autonómico.
Mayra García Bermúdez agradece “o interese e as propostas dos veciños e veciñas nesta campaña, onde fixemos un repaso dos últimos anos e falamos de futuro, de proxectos que xa temos moi encamiñados para Trabada”.
Oito anos de avances
A socialista subliñou que, despois de oito anos á fronte da Alcaldía, “froito da nosa xestión e do esforzo de todos, saímos da parálise na que o PP nos tiña inmersos”. Neste sentido, incidiu nos importantes avances en materia de servizos, urbanismo, apoio ó sector primario e infraestruturas que conseguiu xunto co seu equipo nestes dous mandatos, subliñando que afronta esta nova etapa “con proxectos de futuro, reais, claros e concretos, e con forza, ganas de seguir traballando, con ilusión e co aval da experiencia, do coñecemento e tamén da nosa traxectoria”.
Trabada, líder do desenvolvemento rural sostible en Galicia
Como resultado desta boa xestión, na actualidade Trabada lidera o primeiro Índice de Desenvolvemento Rural Sostible de Galicia, realizado polas universidades de Santiago e A Coruña, e que avalía a situación de cada un dos 114 concellos rurais galegos de menos de 2.000 habitantes, tendo en conta diferentes variables. “O noso concello é o número 1 en Galicia”, recalcou a candidata socialista.
Así mesmo, dende que goberna, Mayra García multiplicou por dez o importe económico destinado a investimentos con respecto á etapa do PP.
Outro dato que demostra “o traballo eficaz e útil” que fai a Alcaldesa e candidata é que o ritmo de perda de poboación baixou do 20% anual na etapa do PP ata acadar o 4%.
“Nestes oito anos, puxemos en marcha numerosos servizos públicos, como o Punto de Atención á Infancia e o Centro de Atención as Maiores”, ademais de duplicar o persoal do Servizo de Axuda no Fogar. O Goberno local liderado por Mayra García Bermúdez tomou a iniciativa de rehabilitar antigas vivendas de mestres para aluguer social; promove unha axenda cultural e de lecer transversal e durante todo o ano; e aumentou o número de dotacións públicas municipais, tanto deportivas, como parques infantís ou para a promoción social, cultural e turística.
No ámbito urbanístico, Trabada foi o primeiro Concello galego que aprobou un Plan Básico Municipal. Tamén adoptou medidas de apoio ó sector primario, que é estratéxico, como a mellora dos accesos ás explotacións, bonificacións fiscais ou a posta en marcha do servizo de recollida porta a porta de plásticos agrícolas.
Así mesmo, prestou especial atención ás infraestruturas, mellorando as vías de comunicación e conseguindo que, “coa nova licitación do servizo de abastecemento de auga potable, o noso Concello deixe de pagar polas fugas que se xeran na rede de abastecemento municipal que depende do Concello de Ribadeo”.
Proxectos de futuro
Para seguir avanzando, a socialista xa ten en marcha “proxectos de futuro”, “realidades”, como “a construción dun Centro Social na Ría de Abres, que imos executar tan pronto teñamos os fondos”; a construción dun auditorio; a mellora da piscinas municipais; a reforma integral do teleclub de Vilaformán; a renovación do pavimento da rúa Joaquín Velasco; a creación dun campo de bolos e a mellora e peche do campo de fútbol; a mellora das cubertas do Concello e da Cámara Agraria; a mellora das rutas de sendeirismo; a cobertura total de fibra óptica no municipio; ou un programa de atención ás persoas maiores, que desenvolverá grazas á unha axuda do Goberno do Estado por importe de 146.000€ -o único concello da provincia que conseguiu a axuda- e que inclúe acompañamento hospitalario ou servizos fisioterapéuticos e de terapia ocupacional nas casas.
“Somos a única opción fiable para dirixir o futuro do noso pobo. Fronte ó abandono e a desidia do PP, que como único proxecto en Trabada ten o de criticarme e insultarme, temos o modelo do Partido Socialista, de traballo e xestión, como temos demostrando e como seguiremos demostrando, se os veciños nos dan a súa confianza”, asegura.
Dende o Partido Popular “aínda levan mal que gañara unha muller e que sexamos humildes, pero no 2015 dixemos non á cacicada e agora tamén. Son os mesmos e veñen con rancor e para facer revancha. Aquel que dubide de votarnos, que pense ben o que fai co seu voto porque o voto do PP é un voto de respaldo ó odio e á maldade. É o único que se lles dá ben. Na xestión, aínda que sei que nunca é suficiente todo o que facemos e que temos fallos, gañamos nós”, recalcou.