Da Mariña só nos queda por achegarnos ao concello de Barreiros, co que pecharemos o ciclo das visitas que tiñamos previsto realizar. Debido a que se trata da última excursión desta serie, queriamos que fose algo especial. Por iso, pareceunos unha boa idea organizar esta visita para o 10 de xuño, data na que os nosos amigos e compañeiros da Irmandade Augas Santas Sto. Estevo do Ermo de Barreiros organizan o X Festival Augas Santas, coa súa festa gastronómica do porquiño ao espeto.
Como vén sendo habitual, desprazarémonos en autobús. Nesta ocasión, pola mañá visitaremos varios lugares de interese patrimonial en Barreiros, xantaremos o porquiño e o año ao espeto en Sto. Estevo e remataremos a xornada cun percorrido guiado por este lugar máxico.
Actualmente, estamos a preparar as visitas que faremos pola mañá das que se informará cando teñamos o programa pechado.
Tendo en conta que a comida ten un prezo de 25€, o custo da actividade é de 30€ para socios e 40€ para non socios, incluíndo transporte e comida.
Por cuestións de loxística, e para poder comunicarlles con tempo suficiente aos compañeiros da Irmandade de Sto. Estevo o número de persoas que participaremos no xantar, cómpre que nos confirmedes canto antes a vosa asistencia. A poder ser antes do día 4 de xuño.
Nas antigas romarías que se celebraban en honra de Santo Estevo, a xente levaba un pano e achegábase á fonte das Rosas. Alí, mollaban o pano nas súas augas milagreiras e pasábano pola cara, para curar as “rosas” da pel, ou ben aplicábano noutras partes do corpo onde puideran ter algún problema cutáneo. Despois, penduraban o pano nas pólas das árbores dos arredores da fonte. Ultimamente, estamos vendo que este costume ancestral vai indo a menos. Por iso, animamos aos participantes nesta visita ao patrimonio de Barreiros que traian cadanseu pano para deixar nas árbores da fonte das Rosas.