Viveiro, 16 de maio de 2023. A candidata popular a alcaldía de Viveiro, Mariña Gueimunde, moi vinculada de forma activa ao mundo cultural do concello e integrante da Semana Santa de Viveiro, ten neste ámbito algúns dos proxectos máis destacados dos seu programa electoral: “O edificio dos Claustros de San Francisco tense que converter nun símbolo físico da aposta pola cultura de Viveiro”. E engade “fai tempo que se fala dun Museo da Semana Santa e imos dar os pasos necesarios para poñer en valor permanente toda a impoñente imaxinería relixiosa coa que conta este municipio e que sería un atractivo turístico a altura do que representa Viveiro”.
Mariña Gueimunde comprométese a xestionar neste mandato “unha rehabilitación íntegra deste edificio histórico para acondicionalo de xeito que poida acoller o ansiado Museo da Semana Santa”. A popular resalta que “estamos ante un edificio moi amplo, onde se podería centralizar o Arquivo Histórico que o faría máis accesible e cómodo aos investigadores ou especialistas que quixeran consultalo”.
A candidata popular a alcaldía de Viveiro, que leva moito tempo analizando as posibilidades do edificio dos Claustros de San Francisco, e que na súa etapa coma Xefa Territorial de Educación e Cultura puido visitar e recoller moita información sobre o aproveitamento deste tipo de edificacións históricas, non dubida en remarcar que incluso “habería espazo para unha biblioteca de referencia para o que significa Viveiro nesta comarca, cunha poboación estudantil moi elevada que ten que contar cunhas instalacións públicas, amplas, cómodas, onde se poda estudar como en calquera cidade universitaria, con Wifi e acceso a internet gratuítos, lectores de libros electrónicos, servizo de consulta de documentos, etc.”.
Para acadar este obxectivo, o equipo de goberno popular que encabezaría Mariña Gueimunde reorganizaría os Servizos do concello que ocupan estes Claustros, “aproveitando outras instalacións municipais infrautilizadas ou totalmente abandonadas, e destinaría a totalidade do Antigo Mosteiro de San Francisco a Museo Sacro, Arquivo histórico e unha nova e máis ampla biblioteca municipal”.