“Creo con honestidade que representamos a máis seria proposta de goberno para Viveiro”, explica Loureiro, que garante “continuar a traballar cada día para mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas”.
“Nestas próximas dúas semanas toca falar de futuro e temos xa proxectos moi encamiñados para desenvolver ata 2027”, engade a alcaldesa e candidata socialista.
En palabras de María Loureiro, “preséntome coa máxima responsabilidade, consciente de que o traballo feito nunca é suficiente e con moita ilusión, cunha candidatura que representa a todo Viveiro”.
“O novo PXOM está pendente da aprobación definitiva, as políticas sociais son unha prioridade, Viveiro é a gran referencia turística da Mariña e atendemos as necesidades de todas as parroquias, pero queda moito por facer e temos clara a folla de ruta a seguir”, remata Loureiro.
Os socialistas de Viveiro celebrarán desde o venres numerosos actos, con reunións sectorais, accións de porta a porta, mitins nas parroquias e outro tipo de actividades.