Os populares defenden un proxecto “claro e definido para traballar por Burela dende a seriedade e a responsabilidade cun equipo de veciños e veciñas multidisciplinar e de contrastada experiencia profesional”
Burela, 24 de maio de 2023. O candidato do PP á alcaldía, Manuel Rouco, explicou que “dende o PP queremos facer unha Burela entre todos porque, sinceramente, cremos que a nosa vila merece moito máis e que o mellor para Burela é apostar por un cambio o vindeiro 28 de maio que veña da man do Partido Popular”. Así o subliñou durante o mitin de peche de campaña no que estivo arroupado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o coordinador xeral do PP lucense, José Manuel Balseiro.
Rouco defendeu que “levamos catro anos a carón da veciñanza escoitando as súas necesidades e demandas e iso serviu para mellorar o bo programa electoral que presentabamos no 2019 e que xa anticipaba as necesidades da Burela de hoxe”.
Así mesmo, o alcaldable popular incidiu en que “os veciños e veciñas que formamos parte desta candidatura somos un equipo multidisciplinar con profesionais con experiencia contrastada en diversos eidos que estamos dispostos a traballar dende a seriedade e a responsabilidade por Burela e polos bureleses”.
Os populares defenden un proxecto “claro e ben definido” para Burela que se basea en tres liñas básicas, apoiadas por moitas outras medidas: o asentamento poboacional, o asentamento de empresas e a dinamización económica e social.
Máis especificamente, para asentar poboación o Partido Popular considera necesario ofrecer servizos e actividades para que Burela sexa atractiva para as familias e, sobre todo, facilitar a construción de vivenda a través da modificación do PXOM e o desenvolvemento do planeamento urbanístico. Aproveitando a situación privilexiada no centro da Mariña cren que é fundamental dotar a Burela de solo empresarial para asentar empresas, ademais de potenciar a actividade no porto e dinamizar o comercio, as pequenas e medianas empresas, autónomos e emprendedores. E tamén apostan por que o Concello lidere a actividade social e cultural, colaborando coas asociacións; tendo en conta que a relevancia do deporte para o municipio cren que debe acoller máis grandes eventos; e, sobre todo, queren que “Burela sexa un referente en servizos sociais” porque “é fundamental atender ás persoas”.
COMPROMISO DO PP COS SERVIZOS PÚBLICOS NA MARIÑA LUCENSE
A secretaria xeral Paula Prado fixo un chamamento na súa intervención á confianza no Partido Popular na Mariña lucense, “baseada nos feitos e o compromiso coa Mariña dos populares”, na súa aposta desde o Goberno galego “polos servizos públicos”. Unha aposta que se traduce no proxecto comarcal máis relevante como é a obra de ampliación e remodelación integral do Hospital da Mariña.
Así, indicou a número dous dos populares galegos, fronte aos bulos que pretenderon facerlles crer á xente “non pechamos o Hospital, senón que o ampliamos e dotamos de novos servizos, e incrementamos a oferta de prazas de difícil cobertura por concurso de méritos, 20 para A Mariña, a través dunha Lei aprobada no Parlamento, e que contou co voto en contra de PSOE e BNG”.
AS GRANDES INFRAESTRUTURAS, FROITO DE MANDATOS DO PP
O coordinador xeral dos populares lucenses, José Manuel Balseiro, volveu a Burela a arroupar ao candidato que considera “moi válido”, igual que os seus compañeiros de candidatura.
Durante a súa intervención, recordou que “as grandes infraestruturas en Burela foron feitas baixo mandato do Partido Popular, ben no Concello ou ben na Xunta de Galicia”. De feito, puxo como exemplo da implicación dos populares “o recente anuncio dunha inversión millonaria en Burela (14 M€) por parte da Xunta para un servizo de competencia completamente municipal como é renovación da depuradora e dos colectores”.