O aspirante popular á alcaldía do Valadouro ratifica o seu compromiso de ampliar e mellorar os servizos sociais do municipio se os veciñas e veciñas lle dan a súa confianza para gobernar
O Valadouro, 10 de maio de 2023. O candidato popular á alcaldía do Valadouro, José Manuel Lamela, asegura que se, despois das eleccións locais do próximo día 28, goberna o PP neste Concello solicitará unha unidade de atención temperá á Xunta de Galicia.
Lamela explica que a atención temperá é un conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e á súa contorna, e que ten por obxectivo dar resposta canto antes ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social. Neste servizo ofrécese unha intervención biopsicosocial que favoreza a adquisición ou a recuperación de funcións e de habilidades persoais e sociais para a mellora da autonomía, da convivencia social e familiar e da inclusión social
Lamela destaca que na actualidade só hai dúas unidades de atención temperá na Mariña: unha en Burela e outra en Mondoñedo.
O candidato popular á alcaldía xa anunciou recentemente que se chega a gobernar pedirá máis axudas á Xunta de Galicia en materia social, incluídas máis horas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).