Site icon Crónica3.com A Mariña

La Trova Coruñesa, do que forma parte o percusionista ribadense Chenchu López, comezará a súa xira este sábado cunha actuación no Museo do Castro de Viladonga,

A Coruña, 15 de maio de 2023. O grupo musical La Trova Coruñesa, do que forma parte o percusionista ribadense Chenchu López, comezará a súa xira 2023 este sábado 20 cunha actuación no Museo do Castro de Viladonga, que organiza varias actividades ese día con motivo da Noite dos museos.

O presidente da asociación promotora de La Trova Coruñesa e membro da formación musical, Manuel Malvís, explica que o concerto deste sábado no Museo do Castro de Viladonga “vai ser especial para nós porque con el comeza a nosa xira deste ano, no que empezamos un novo camiño. Aparte estrearemos un par de pezas dentro do noso estilo, que son cancións de todo o mundo. Vamos facer unha especie de bolero cun marcado carácter latino porque o noso director é cubano, igual que o pianista e tamén unha das voces femininas do grupo; os tres son de Camagüey. Ademais temos un baixista arxentino”.

Malvís engade que para este verán La Trova Coruñesa ten xa programadas “sete ou oito actuacións, pero esperamos ter máis porque o que nos gusta facer é cantar cara ao público”.

Ademais de Manuel Malvís (guitarra e voz), na actualidade La Trova Coruñesa está formada por: Ángel Domínguez (voz), Luis Nuñez (voz), Kirenia Martínez (voz), Aida Román (voz), Juan Luís Escudero (guitarra e voz), Paco Fernández (voz), Moncho González (voz), Plácido Rodríguez (percusión), Chenchu López (percusión), Antonio González Tony
(dirección e batería), Kike Alvarado (baixo) e Sergio Delgado (teclado).

Manuel Malvís destaca que a asociación promotora de La Trova Coruñesa “leva xa uns 15 anos e somos bastante coñecidos na Coruña. O noso propósito como asociación cultural é recadar fondos co grupo musical para facer concertos solidarios e achegas para axudar a persoas que están nunha situación precaria puntualmente. Nós cantamos e tocamos porque é a nosa paixón e estamos nesta agrupación para pasalo ben e axudar ao mesmo tempo”.

Exit mobile version