Tanto o conselleiro como o alcaldable demandaron ao BNG que consiga a cantidade orzamentaria que prometeron e “se deixen de poñer desculpas dicindo que teñen que vender uns inmobles”
Ribadeo, 13 de maio de 2023. O conselleiro de Sanidade, Julio Comesaña e o candidato á alcaldía de Ribadeo, Dani Vega analizaron conxuntamente os novos servizos sanitarios que dará a construción do novo centro de Saúde ao municipio. Neste sentido, Vega explica que “non é so a construción dun edificio de 2500 metros cadrados, senón que supón a xestión do centro de saúde e de moitos máis servizos necesarios para os nosos veciños”.
Este espazo sanitario contará con dúas salas técnicas, unha sala polivalente, dúas consultas de docencia, unha consulta para o programa da muller, unha consulta de hixienista dental, un despacho de coordinación, unha sala de estar para todo o persoal e un espazo propio para o persoal de urxencias. “Que teñamos un espazo para o 061 en Ribadeo é moi importante, moita xente con urxencias tiña que trasladarse ata o Hospital da Mariña, e con este novo servizo xa non o terán que facer”, di Dani Vega.
Ademais, o centro terá tamén unha ampliación do espazo de fisioterapia e de radioloxía. No novo Punto de Atención Continuada (PAC) haberá un circuíto propio de entra e saída separado do centro saúde, unha sala de observacións e de box de críticos e “tamén ampliamos as consultas de medicina das 13 h ás 14 h e puxemos a disposición do persoal de noite novos dormitorios para que poidan descansar”, apunta Vega.
DEMANDA AO BNG
Noutra orde de cousas, o alcaldable, xunto co conselleiro, realizaron unha demanda ao goberno do BNG: “Necesitamos que aporten rapidamente os terreos e que non poñan máis desculpas. Xa está ben. Que aproben a cantidade orzamentaria que prometeron no pleno e que non se desculpen de que teñen que vender uns inmobles para ter ese diñeiro. O que pedimos é moi claro. Queremos un novo centro de saúde para Ribadeo, xa o estamos xestionando e so nos falta o terreo para construílo e así gañar todos estes servizos sanitarios”.
Ademais Vega resaltou o traballo do conselleiro de Sanidade que “fixo un enorme traballo e gracias a esta xestión Ribadeo contará novo centro sanitario que implican máis servizos para os nosos veciños”.
Pola súa banda, Comesaña resaltou o traballo día a día de Dani Vega na súa labor por levar a Ribadeo máis servizos: “Desde o primeiro día que anunciamos que a Xunta ía aprobar un Plan de Infraestruturas de atención primaria, Dani non tardou nin un segundo en dicirnos que era fundamental que estivese en Ribadeo”. O edificio do actual centro de saúde é moi antigo e a súa distribución é pouco operativa para ampliar os servizos polo que “fixemos un plan para Ribadeo e a primeira reacción do goberno local foi dicir que non facía falta, que era mellor facer un par de reformas no centro actual”.
Neste aspecto, Vega presionou para que cederan e, despois de moito tempo, aceptaron que o novo centro de saúde era necesario para Ribadeo. En maio de 2022, a Xunta firmaba un protocolo no que se comprometía o centro de saúde en canto o concello adquirise a parcela. “Un ano despois seguimos agardando e o único que segue falando dun novo centro de saúde para Ribadeo e preguntando á Xunta se hai avances é Dani Vega. Nada máis soubemos ata o momento”, explica Comesaña.