O popular considera que se trata dun caso de “discriminación por sectarismo” que demostra “a clase de categoría política da alcaldesa” que ten prexudicado a unha veciña vinculada ao partido da oposición
O expediente da nai do portavoz popular non foi avaliado pola comisión na súa reunión de decembro a pesar de que a solicitude xa fora presentada en novembro. Dende entón, pasaron máis de cinco meses esperando unha resolución. Incluso o portavoz tivo que solicitar por segunda vez ao goberno local acceso ao expediente das valoracións efectuadas.
José María Fernández considera que “con este proceder constátase que este caso estaba sendo discriminado por sectarismo político”. E engade: “Isto demostra a clase de categoría política da alcaldesa socialista e a súa total falta de sensibilidade cunha veciña en situación de dependencia que precisa de atención especializada polo feito de estar vinculada ao portavoz da oposición”.
O popular asegura que esta situación lle causou prexuízos á súa familia e, especialmente, á persoa afectada por ter que desprazarse a outro centro doutra localidade en lugar de recibir atención no seu propio concello. É por iso polo que estudará presentar unha demanda por danos e prexuízos.