Site icon Crónica3.com A Mariña

Jorge Val: “Quero seguir traballando con ilusión e coa complicidade dos veciños e veciñas de Alfoz”

No acto participou tamén o Senador por Lugo, César Mogo, a Deputada autonómica Patricia Otero, así como o Ministro de Exteriores, José Manuel Albares, e o Delgado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, ambos a través de vídeos

Alfoz, 13 de maio de 2023. O Alcalde de Alfoz, Jorge Val Díaz, opta á reelección nas vindeiras eleccións municipais tras gobernar durante os últimos oito anos consecutivos. Así o deixou de manifesto este sábado á tardiña no Salón de Actos da Casa da Cultura, onde abriu a campaña electoral cun mitin no que deu a coñecer o equipo da súa candidatura polo PSdeG-PSOE, coa que encara con “ilusión” un novo capítulo para historia do municipio mariñán, para o que conta “coa complicidade dos veciños e veciñas de Alfoz”.

O Alcaldable detallou que se marca como máximas prioridades ampliar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) con máis persoal e máis horas, co obxectivo de eliminar a lista de espera e atender nas mellores condicións ás persoas usuarias do servizo.

Tamén é firme coa situación do Plan Básico do municipio, que “queremos rematar”, ademais de seguir modernizando a piscina pública municipal, realizar o mantemento da rede viaria municipal e das pistas forestais, rematar as beirrarúas da Seara grazas a un convenio coa Deputación, ademais de impulsar o Centro de Interpretación do Mariscal, que “marcará un antes e un despois no turismo no noso concello”.

De feito, focalizou no turismo boa parte das novas actuacións, pois “temos un patrimonio, unha historia e uns recursos paisaxísticos inigualables, e queremos seguir traballando por poñelos no mapa e continuar con esta senda de crecemento como destino turístico para seguir atraendo visitantes”.

Nestes anos, o Goberno de Alfoz renovou a rede de infraestruturas dos servizos básicos do municipio, mellorando dun xeito importante a rede viaria da súa competencia e os accesos a un gran número de vivendas e núcleos de poboación. Ademais, afrontou unha completa renovación dos equipamentos deportivos municipais, como é o caso do Campo de Fútbol, no que se investiron máis de 200.000€ nos últimos anos, así como unha nova pista de pádel, que o Goberno contempla cubrir no próximo mandato.

O socialista fixo fincapé en que seguirá apostando polos Orzamentos Participativos, unha medida de transparencia que serve para pulsar as necesidades e problemas da veciñanza, ao tempo que se acadan proxectos e partidas presupuestrarias concretas para dar solucións. “Moitas das medidas que adoptamos son, precisamente, froito destes encontros polas parroquias”, subliñou.

Un equipo de xente traballadora
Val presentou o seu equipo incidindo en que son persoas do municipio, de todas as parroquias, que “somos traballadores, traballamos con autonomía e, case o máis importante, levámonos e entendémonos moi ben”. “Estamos pendentes sempre de calquera problema, por pequeno que sexa, que afecte aos nosos veciños e iso só o consegue un equipo diverso, capacitado e coñecedor do territorio coma é o noso”.

Un equipo, dixo, que seguirá tendo no eixo das súas políticas a “transparencia e a lealdade”, para que os veciños e veciñas saiban a que se destina “cada céntimo que entra nas arcas municipais”. Nese sentido, apuntou que o Concello mantén conexión directa a través da web municipal, as redes sociais e o grupo de difusión de Whatsapp, así como a comunicación directa que se ten no Concello cos colectivos veciñais, asociacións e clubs deportivos para informar de calquera novidade que atinxa ao seu día a día.

Apoios de Albares, Besteiro, Mogo e Otero
O Alcalde de Alfoz estivo arroupado por un local ateigado de veciños e veciñas, pero tamén de pesos fortes do Partido Socialista, como o Senador por Lugo, César Mogo e a Deputada autonómica Patricia Otero, así como polo Ministro de Exteriores, José Manuel Albares, e o Delgado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, ambos a través de vídeos. Ademais, na sala tamén estiveron presentes outros alcaldes e candidatos, así como militantes e simpatizantes da comarca.

O Senador por Lugo e veciño do Valadouro César Mogo expresou a boa nova que significa para o municipio este novo paso que dá Val, porque é “a expresión dunha enorme vocación que ten por Alfoz. Jorge é un servidor público impecable, que leva toda a vida axudando aos demais, pero que nos últimos 8 anos o fixo á fronte do Concello”.

O Senador deixou patente que “ningún avance, ningún logro lle é suficiente porque, nada máis cumprirse, Jorge xa está pensando no seguinte proxecto para os seus veciños e veciñas. Esa é a súa paixón: servir aos veciños de Alfoz, sen distinción”.

Mogo puxo o foco no traballo do Alcalde lembrando os principais fitos dos últimos anos, pero tamén na súa personalidade porque sendo “accesible, próximo e sinxelo” é a marca do Concello de Alfoz. “A súa veciñanza sabe que pode estar tranquila porque á fronte teñen a un dos seus, que só mira polo seu ben, e nesa condición logrou gañar o respecto doutras institucións, como a Deputación de Lugo, na que Jorge ten un Goberno aliado para mellorar a vida en Alfoz”.

O Delegado do Goberno de España en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, tamén amosou, a través dun vídeo que se proxectou durante o acto, a súa ledicia pola decisión de Val de volver liderar o proxecto socialista de Alfoz, ao tempo que lle desexou moita sorte nestes comicios, nos que está seguro de que volverá ser Alcalde.

Así mesmo, no acto proxectouse un audiovisual que enviou o Ministro de Asuntos Exteriores do Goberno de España, José Manuel Albares, quen lamentou non poder asistir. “O ano pasado estiven en Alfoz percorrendo varias parroquias, e desfrutei da Festa do Santiago de Lagoa, e ademais coñecín a Jorge Val e destaco del dous valores: é un servidor público impecable e é un gran socialista, un político que sempre busca a xustiza e a igualdade para todos”. “Jorge vive para Alfoz, traballa sen descaso para Alfoz e é quen de reunir o mellor equipo, polo que hai que apoialo para que siga sendo Alcalde”. Ademais, “nos últimos anos mellorou moito o municipio, pero ten proxectos para mellorar Alfoz aínda máis no futuro”, dixo, ao tempo que espera que os alfocenses sigan “cun Alcalde que estea aí onde haxa unha problema ou un lume que apagar, que estea na primeira liña, como fixo co último incendio”.

Candidatura do PSdeG ás eleccións municipais de Alfoz
A candidatura socialista de Cervantes está composta polos seguintes candidatos e candidatas:

1. Jorge Val Díaz
2. Ana Aránzazu Incera Ares
3. Cándido Paleo Rejes
4. Sonia Expósito Goás
5. Alejandro Carballeira Pedreira
6. Ana Belén Díaz González
7. Justo Juan Maseda Paz
8. María Luisa Goás Lorenzo
9. Carlos Sanjurjo Lorenzo

Suplentes: Elías Pardeiro Cayón, José Ramón Vizoso Goás, Pedro Carreiras Vizoso, José María Expósito Rodríguez, Ramón Rubal Fernández e César Marrube Novo.

Exit mobile version