A subdelegada, acompañada dos formadores do Plan Director, presentou hoxe a campaña de difusión da ferramenta do Ministerio do Interior
Lugo, 12 de maio de 2023. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, animou hoxe aos veciños e veciñas da provincia a descargarse a aplicación para teléfonos móbil gratuíta AlertCops “para reforzar e asegurar a seguridade cidadá, ofrecendo aos lucenses unha canle máis directa coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado”. Isabel Rodríguez, acompañada de formadores da Policía Nacional e Garda Civil do Plan Director de Convivencia e Mellora da Seguridade nos centros educativos e a súa contorna, e da xefa da unidade de violencia de xénero da Subdelegación, María Luisa Castro, presentou este venres a campaña de difusión da aplicación do Ministerio do Interior e os folletos que se entregarán nos colexios e institutos da provincia para explicar ao alumnado, familias e profesorado o funcionamento da plataforma.
“Aportamos aos lucenses unha vía de comunicación rápida, discreta, intuitiva e sinxela para que os cidadáns trasladen aos axentes un feito delituoso do que sexan vítima ou testemuña”, manifestou a subdelegada quen explicou que a app permite realizar chamadas para unha atención inmediata, falar directamente co centro de atención máis próximo a través dun chat, así como compartir a posición xeolocalizada. Neste senso, subliñou que “o obxectivo é ofrecer unha ferramenta útil e fiable que poida axudar ás persoas en situacións de emerxencia, dando un paso máis para estreitar a relación entre seguridade e novas tecnoloxías como aliados dos cidadáns”.
Para darse de alta nesta aplicación, dispoñible para todos os dispositivos móviles, só é necesario rexistrarse, facilitando os datos, e activar o XPS, polo que se asegura un acceso rápido e fácil a todos os cidadáns, tanto vítimas como testemuñas dos delitos. Pódense denunciar roubos, atracos ou asaltos, vandalismo, agresións, casos de violencia de xénero, acoso escolar, radicalismo ou desaparicións.
Principais servizos
A aplicación do Ministerio do Interior conta coa funcionalidade ‘Gardián’ a través da cal é posible compartir a localización en tempo real con outras persoas e coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para que, en caso de emerxencia ou risco, as vítimas poidan recibir atención policial de forma máis rápida e eficaz. Tamén permite recibir alertas de seguridade xeolocalizadas en tempo real e mensaxes con consellos de seguridade. Todo iso dispoñible en sete idiomas e operativo as 24 horas do día, os sete días da semana. Ademais, activando o botón ‘SOS’ poderase enviar un aviso inmediato aos ‘gardiáns’ designados pola persoa usuaria coa súa localización e cun audio de dez segundos sobre o motivo da alerta.
Folletos informativos nos centros escolares
Un dos obxectivos desta campaña da Subdelegación do Goberno de Lugo é dar a coñecer AlertCops entre a mocidade. Para elo, a través dos formadores da Policía e da Garda Civil que imparten charlas co Plan Director, distribuiranse 250 folletos informativos nos centros educativos da provincia, coas funcións de dita app e como poñer en coñecemento as alertas en caso de necesidade.
Guía de actuación fronte a violencia machista
Na súa intervención, a subdelegada destacou a importancia de AlertCops na loita contra a violencia de xénero, sendo unha aplicación moi valiosa para evitar posibles casos e unha axuda fundamental tanto para a posible vítima como para calquera persoa que observe un posible caso. A campaña presentada hoxe inclúe unha Guía de Actuación fronte a Violencia Machista que os axentes do Plan Director utilizarán como instrumento para informar e sensibilizar aos estudantes da provincia.