Site icon Crónica3.com A Mariña

Fran Cajoto: “Pido o apoio para o PSOE para consolidar Foz como a referencia da Mariña”

O Alcalde e candidato á reelección pechou este venres á noite unha intensa campaña electoral nunha Sala Bahía ateigada, onde fixo un chamamento masivo a que os veciños e veciñas aposten pola súa candidatura porque “votar socialismo significará que terán garantido o traballo e o esforzo para seguir mellorando Foz sen atrancos”

Foz, 26 de maio de 2023. O Alcalde e candidato á reelección polo PSdeG en Foz, Fran Cajoto Caserío, pechou este venres unha intensa campaña electoral pedindo o voto para a candidatura que encabeza porque “temos que consolidar Foz como a referencia da Mariña”. Fíxoo ante unha Sala Bahía ateigada de veciños e veciñas e arroupado polos membros do seu equipo, e tamén polo o voceiro do PSdeG no Parlamento de Galicia, Luis Álvarez, e o Senador por Lugo, César Mogo.

O rexedor foi claro ó dicir que “é necesario que ninguén se quede na casa e que todos os veciños e veciñas vaian ás urnas, que voten socialismo porque iso significará que terán garantido o traballo e o esforzo para seguir mellorando Foz”. Pediu un apoio masivo para poder “desenvolver os proxectos que temos en mente sen atrancos, e ante a ameaza dun Partido Popular carente de respecto e sen plan de goberno”.

“Preséntome de novo co maior dos sorrisos”, así dixo sentirse ante esta cita electoral coa que quere “aumentar a confianza logrando unha maioría de apoios que permita unha xestión sen ataduras”. “Apelamos a todas as persoas, aos que se quedaron na casa, aos que votaron socialismo noutras eleccións e aos que non, a todos e a todas”, dixo.

Cajoto amosouse “cun enorme compromiso, con moitísima ilusión e cunhas ganas tremendas de gañar para seguir traballando xa dende o luns 29 para ter un Foz mellor”. “Teño a sorte de contar co mellor equipo, xente nova, comprometida e traballadora, porque Foz non merece menos”, subliñou. “Para gobernar hai que ter boa intención, escoitar, saber decidir e dirixir, pero tamén capacidade de xestión. Humildemente, creo que esta candidatura cumpre sobradamente este requisito”, aseverou nas súas palabras cheo de convencemento.

Un Foz para vivir
O Alcalde socialista reflexionou sobre o moito que avanzou Foz nos últimos catro anos grazas á xestión do seu equipo. “Presentamos daquela un programa completo, que cumprimos en gran medida, e a xente confiou en nós”, lembrou, ao tempo que “revalidamos ese compromiso cun novo programa que incide, despois de levar a fibra óptica ao territorio, na conectividade das nosas parroquias, na mellora da accesibilidade e das comunicacións do casco urbano, e en dotar a Foz das infraestruturas que necesita, como o actual asilo”, incidiu.

Para os próximos anos Cajoto aposta por un “Foz para vivir”, onde “fomentaremos o deporte, a mellora do servizo de Asuntos Sociais, o coidado do Medio Ambiente e o impulso da Cultura, que é o que nos move a traballar”, expresou ante a súa veciñanza.

Pola súa banda, o Senador César Mogo subliñou que os alcaldes socialistas “sempre dan a cara polos seus veciños, non se esconden, nas boas nin nas malas”, poñendo como exemplo a Cajoto, pois “Foz tivo estes catro anos un alcalde que estivo a pé de obra, cando a xente o necesitou, e, por iso e polas políticas que levou a cabo, os veciños vanlle revalidar a confianza como Alcalde, e por iso e por moito máis pido o voto para el e o seu equipo”.

Exit mobile version