Site icon Crónica3.com A Mariña

Fran Cajoto pide o voto ao PSOE para consolidar Foz como a referencia da Mariña

O actual alcalde e candidato apela a un voto maioritario que permita desenvolver os proxectos que Foz necesita sen atrancos, ante a ameaza dun Partido Popular carente de respecto e sen plan de goberno.

“Cun enorme compromiso, con moitísima ilusión e cunhas tremendas gañas xa de traballar desde o próximo luns 29 en xestionar o noso Concello, para consolidalo como o referente da comarca” – así destaca o candidato e alcalde socialista o seu estado de ánimo ante as eleccións do próximo domingo. “Teño a sorte de contar co mellor equipo. Xente nova, comprometida e traballadora: Foz non merece menos”.

O candidato socialista apela a que ninguén se quede na casa e que todo o mundo acuda ás urnas. “O exercicio democrático, o dereito a elixir quen te vai gobernar é un privilexio co que contamos. Pido que ninguén se quede na casa, que voten socialista porque o traballo e o esforzo para seguir a mellorar Foz están máis que asegurados”.

“Hai catro anos presentamos un programa completo, que cumprimos en gran medida, e a xente confiou en nós. Agora revalidamos ese compromiso cun novo programa que incide, despois de levar a fibra óptica ao territorio, na conectividade das nosas parroquias –tanto na mellora de camiños como na telefonía móbil-, na mellora da accesibilidade e das comunicacións do casco urbano e en dotar a Foz das infraestruturas que necesita, como o auditorio proxectado nas Lagoas ou unha nova residencia con prazas suficientes no edificio do actual asilo. Fomentar o deporte, a mellora do servizo de Asuntos Sociais, o coidado do Medio Ambiente e o impulso da Cultura é o que nos move a traballar. Para gobernar hai que ter boa intención, escoitar, saber decidir e dirixir pero tamén ter capacidade de xestión. Humildemente, creo que esta candidatura cumpre sobradamente estes requisitos”.

Por iso o actual alcalde e candidato socialista se presenta “co maior dos sorrisos” a unha cita na que desexa aumentar esa confianza e que unha maioría de apoios permita unha mellor xestión, sen ataduras. “Non apelamos aos que noutras eleccións elixiron outras opcións políticas que agora non se presentan. Apelamos ás persoas, aos que se quedaron na casa, aos que votaron socialista e aos que non, a todos. O goberno municipal é o da cercanía, o de atender os problemas dos veciños por pequenos que sexan. Con nós a porta da alcaldía vai a estar sempre aberta, esa é a nosa gran promesa electoral” – remata Fran Cajoto.

Exit mobile version