Site icon Crónica3.com A Mariña

Fran Cajoto aposta polo auditorio como a “infraestrutura cultural que necesita Foz“

O auditorio “Mar de Foz” estaría situado nas Lagoas, preto da zona de restauración da Rapadoira

Foz, 22 de maio, 2023. Foz clama por un auditorio. Así o considera o actual alcalde e candidato socialista Fran Cajoto: “estamos na cola da Mariña en canto a espazos culturais. Cando concellos de menos de 4000 habitantes contan con auditorio e Foz -que supera amplamente os 10000- non, é que algo pasa. Nesta lexislatura expúxenlle persoalmente en varias ocasións ao Conselleiro de Cultura Román Rodríguez a gran necesidade que ten Foz dun auditorio, pero a resposta foi negativa”.

En palabras do actual alcalde e candidato socialista o auditorio “ten que ser un espazo multifuncional, cun amplo patio de butacas, que nos permita tamén proxectar cine e recuperar así unha dotación que Foz perdeu cando pechou Hnos Pequenete”. Os socialistas apostan por incorporar ao novo auditorio a Escola de Música Arcadio Mon, que debería contar con salas axeitadas para un servizo que aumenta de alumnos ano a ano.

Os socialistas sitúan o novo auditorio nas Lagoas, preto das Torres, nuns terreos calificados no Plan Xeral como dotacionais sen uso definido e que deberán ser adquiridos polo Concello. “Unha zona que conta con estacionamento e que está preto da zona de restauración da Rapadoira, o cal resulta moi interesante”. O candidato socialista rexeita as ubicacións que plantexara o Partido Popular por inviables, como se demostrou: No Plan Xeral o Partido Popular situou o auditorio no Campo de Fútbol Martínez Otero, co cal o Clube Deportivo Foz quedaría sen terreo de xogo. Despois pretendeu colocalo na horta do asilo, pero tras o anuncio en prensa de Javier Castiñeira o Protectorado das Fundacións da Xunta de Galicia rexeitou esta situación por non axustarse ao testamento da Fundación Martínez Otero”-recorda o actual alcalde.

“Estamos coidando as infraestruturas que temos: a sala Bahía recibiu unha nova climatización, cambiáronse portas e ventás e pintouse o conxunto. Estase a preparar a licitación para humanizar o entorno da Sala convertíndoa nunha praza, obra que inclúe a ampliación do patio de xogos da Galiña Azul por un importe de máis de 83 mil euros que xa están consignados. Pero non é suficiente: precisamos dun auditorio que permita albergar actuacións, algo especialmente importante nun concello coma Foz, que ten un gran número de asociacións ligadas ao teatro e á música. Ter un espazo axeitado para que podan actuar é de xustiza” – remata Fran Cajoto.

Exit mobile version