Foz, 5 de maio de 2023. A Delegación de Turismo do Concello de Foz amosa a satisfacción “pola concesión un ano máis de 5 bandeiras azuis ás nosas praias e outra ao sendeiro azul que vai de a Rapadoira ata Areoura, bordeando todo o litoral. De novo Foz é o concello lucense que máis bandeiras acumula e son nas praias de Rapadoira, Llas, Peizás, Polas, e Areoura”.
O concelleiro de Turismo, Chema Linares, explica: “cumprimos amplamente cos criterios de ADEC en canto á prestación de servizos de calidade nas praias cunha calidade excelente das augas, en accesibilidade, en xestión de residuos e en información sobre os areais e os seus ecosistemas. Neste senso hai que informar da adquisición dun novo panel informativo sobre o sendeiro azul, de 140 x 140, que se poñerá nos próximos días na praia de Peizás; e outro, sobre a protección da moreira de máis de 100 anos de antigüidade que hai no atrio da igrexa de Cangas.
Así mesmo acaban de outorgarnos unha subvención para a colocación dunha nova pasarela de 130 metros de lonxitude na praia da Rapadoira, entre a pasarela central e os postos de socorro para mellorar a accesibilidade”.
Chema Linares engade: “esperamos contar cos socorristas suficientes para ter o servizo activo todo o verán e poder izar as bandeiras. A este respecto esperamos que a Xunta de Galicia poida subvencionar os socorristas suficientes para prestar o servizo adecuadamente xa que nos últimos anos reduciuse considerablemente pois antes subvencionaban 20 socorristas pero nos últimos anos apenas chegan a seis, claramente insuficientes para un bo servizo”.