Alfonso Rueda visitou esta tarde Ribadeo para respaldar o proxecto político do candidato á alcaldía, Dani Vega
Ribadeo, 17 de maio de 2023. O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, visitou esta tarde Ribadeo para respaldar o programa electoral do alcaldable Dani Vega. “A visita do presidente da Xunta de Galicia é un respaldo a toda a xestión, o traballo e a colaboración con eles durante estos catro anos”, di Vega.
Durante a visita mantiveron unha reunión coa candidatura dos populares na que concretaron os pilares fundamentais sobre os que se asenta o seu proxecto político e analizaron as inversión feitas en Ribadeo durante o último mandato.. Neste sentido, Dani Vega explica que “son compromisos moi concretos e cunha xestión previa”.
Un dos primeiros pilares é a construción do novo centro de saúde. ”Só estamos agardando que o BNG aporte canto antes os terreos para comezar coa obra. Estamos pendentes deles para invertir 3,5 millóns de euros e incrementar os servizos sanitarios en Ribadeo”. En materia de infraestruturas tamén analizaron o asunto do Hospital Asilo: “o día 23 de maio os técnicos vanse a reunir coas familias para informalas das posibles ubicacións que van a ter as persoas que viven alí e que de forma temporal necesitan unha nova ubicación pola reforma integral do centro. Polo tanto, outro compromiso máis da Xunta de Galicia con todos os veciños e coas persoas que viven no hospital”, apunta o candidato.
Por outra banda, Vega defende a creación de novos aparcadoiros en Ribadeo, algo que “é moi demandado por todos os veciños”; a rehabilitación da Praza de Abastos para dinamizar a actividade económica do municipio e, no eido cultural, o alcaldable defende o traslado da Escola de Música ao antigo colexio das monxas. “Compromisos claros e inversión concreta cun traballo, unha xestión previa e unha boa coordinación coa Xunta de Galicia para traer inversión para Ribadeo”, di.