O alcaldable cre que hai que tomar medidas como impulsar a economía local, baixar o prezo do solo industrial e a eliminación de taxas para reactivar a economía local e axudar aos mozos a ficar en Ribadeo
Ribadeo, 25 de maio de 2023. O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez e o o coordinador xeral do PP lucense, José Manuel Balseiro Ourol, arrouparon ao candidato á alcaldía de Ribadeo, Dani Vega, nun mítin centrado na mocidade e no que o alcaldable explicou as principais liñas de traballo a seguir en materia de cultura no caso de chegar á alcaldía nas vindeiras eleccións municipais.
“A mocidade é o motor de cambio e transformación para Ribadeo. Moitos mozos están trasladando propostas e converténdoas en realidade. Propostas de todo tipo, culturais, lúdicas e de impulso para o noso rural. Por iso, quixemos facer un acto con toda a mocidade de Ribadeo” dixo.
Neste sentido, Vega destacou a implicación e o compromiso dos mozos co municipio e subliñou que “cando nos trasladan as súas propostas e demandas nós estamos con eles para escoitalos e axudalos en todo o que poidamos desde o noso grupo e, agora mesmo, están a trasladarnos demandas que incorporamos no noso programa como medidas para impulsar a economía local, a eliminación de taxas e a implantación dun Portal de Emprendemento …todo isto en favor de mellorar e reactivar a economía de Ribadeo”.
O candidato cre que hai que prestar máis atención ás actividades lúdicas e culturais. Agora mesmo a nosa oferta cultural é grazas a estes mozos que día a día traballan con moito esforzo para levar a Ribadeo concertos e festivais. “Son un exemplo a seguir e queremos que sigan traballando para dar a coñecer o noso municipio e para que consigan traer máis actividades de ocio”, di.
Por outra banda, Dani Vega destacou a necesidade de seguir apoiando aos mozos no deporte e no rural. En canto ao deporte “están dando motivos de sobra para que os apoiemos, están representando Ribadeo por toda España e necesitan máis espazos para desenvolver as súas actividades, por iso queremos construír ese campo de herba artificial e as pistas de atletismo”. En relación ao rural, o alcaldable asegura que “cada vez máis mozos piden asentarse nas parroquias e por iso necesitan que lles facilitemos as cousas”. O programa de Dani Vega inclúe a axilización de trámites de licencias para a reforma dunha casa e a eliminación de impostos. “En definitiva, precisan que lles axudemos máis para que poidan ficar en Ribadeo”.
Pola súa parte, Balseiro subliñou que “o Partido Popular é o único coa capacidade para facer un cambio de rumbo no municipo. O proxecto político de Dani Vega é o que necesita agora mesmo Ribadeo para recuperar o esplendor que tivo fai tempo e que perdeu coas malas políticas e iniciativas do BNG”.
A XUNTA COA EDUCACIÓN E A CULTURA EN RIBADEO
A Xunta de Galicia ten un compromiso claro con Ribadeo. Desde o 2009, a consellería de Cultura e Educación investiu case 3,7 millóns de euros no mellora dos tres centros educativos cos que conta o Concello. No Gregorio Sanz realizáronse varias melloras e unha rehabilitación integral. No IES Porta da Auga houbo unha reforma, ampliación e adaptación de infraestruturas. E no 2010, o IES Dionisio Gamallo tivo unha reforma e ampliación grazas a este investimento.