Site icon Crónica3.com A Mariña

Concello e Deputación asinan o convenio para a mellora e o acondicionamento da rúa do Pipelo, de Ribadeo

Ribadeo, 19 de maio de 2023. Na xunta de goberno da Deputación de Lugo foi aprobado hoxe o convenio para mellora e o acondicionamento da rúa do Pipelo, que a continuación foi asinado pola institución provincial e polo Concello de Ribadeo.

A concelleira de Obras, e responsable da Área de Medio Rural da Deputación, Mónica Freire, fai unha valoración positiva “da importancia que esta actuación terá para esa zona de Ribadeo, en pleno casco histórico. Logo deste paso, da sinatura do convenio, desde o Concello procederemos a licitar este proxecto para poder iniciar as obras canto antes”.

A edil ribadense explicou que “o proxecto contempla a mellora e acondicionamento da rúa do Pipelo, mellorando os servizos de saneamento e abastecemento de auga, colocando un novo pavimento de formigón ao longo da calzada e novas beirarrúas de formigón desactivado, separados entre eles por rigolas e humanizando tamén o espazo con mobiliario urbano e árbores. O orzamento desta importante obra é de cerca de 180.000 euros e ten un prazo de execución de 4 meses”.

Freire Rancaño lembrou que “esta actuación vai unida á ampliación do aparcamento que está situado entre a rúa Nova e a rúa do Pipelo, que pasará de 70 a 140 prazas. Somos conscientes de que o casco vello, como todos os conxuntos históricos, ten problemas para o estacionamento de vehículos e coa creación deste aparcamento o ano pasado quixemos dar solución para facilitar o estacionamento tanto á veciñanza como as persoas que nos visitan. Agora con esta ampliación vaise duplicar a capacidade deste espazo, mellorando tamén os accesos, para facilitar a entrada e saída dos vehículos”.

Exit mobile version