Site icon Crónica3.com A Mariña

Concello de Ribadeo e Deputación asinan o convenio para a mellora da rúa Manuela Barreiro Pico

Ribadeo, 26 de maio de 2023. Concello de Ribadeo e Deputación de Lugo asinaron o convenio para a mellora da rúa Manuela Barreiro Pico, que suporá un investimento de máis de 214.000 euros.

A concelleira de Obras, Mónica Freire, sinalou que “desde o goberno municipal levamos anos tentando mellorar a rede de vieiros do noso concello. Así o fixemos con rúas como Justo Pico de Coaña ou a estrada dos Garitos, ou incluso con barrios enteiros como o da Pega ou o de San Miguel”.

A edil ribadense dixo que “sen embargo, somos conscientes que aínda queda moito por facer, sendo a rúa Manuela Barreiro Pico un espazo que se atopa moi deteriorado por mor de sucesivas avarías e fugas, e tamén polas obras de construción de varias vivendas nos últimos tempos. Logo de que os técnicos municipais elaboraran o proxecto técnico e de dialogar cos numerosos propietarios para conseguir a cesión dos terreos necesarios para non comprometer o ancho contemplado no Plan Xeral de Ordenación Municipal, fai uns días solicitamos á Deputación de Lugo un convenio excepcional de colaboración para financiar esta actuación, que xa foi aprobado e asinado”.

Freire Rancaño explicou que “o proxecto contempla a dotación de nova tubaria para abastecemento así como as acometidas as vivendas, incluída as conexións coas tubarias existentes; colocación de novo colector de saneamento en toda a lonxitude da rúa, dispoñendo de novos sumidoiros e pozos de rexistro, realizando a conexión coa tubaria existente; substitución das farolas e luminarias existentes, por outras en LED de 60W de dobre nivel, dispoñendo una nova canalización soterrada en toda a rúa, incluíndo a desmontaxe das luminarias existentes e a nova colocación; disporanse tamén novas luminarias para a iluminación dos novos pasos de peóns; disporase tamén unha nova capa de rodadura de pavimento asfáltico ao longo de toda a rúa; e colocaranse novo mobiliario urbano e sinalización horizontal e vertical”.

Estas obras supoñen unha inversión de 214.696,39 euros e serán financiadas pola Área de Medio Rural da Deputación de Lugo. O período máximo de execución das obras desde a súa adxudicación será de cinco meses.

A tamén responsable da Área de Medio Rural da Deputación de Lugo subliñou que “logo da sinatura do convenio procederemos á licitación destas obras, para poder comezar coa súa execución canto antes. En conxunto, as obras supoñen unha decidida aposta pola humanización desta área e, por extensión, pola calidade de vida e a recuperación de espazos nesta zona de Ribadeo”.

Exit mobile version