Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG-Saúde A Mariña denuncia a “situación insostible” no servizo de pediatría do Centro de Saúde de Viveiro

“Fronte ás mentiras do PPdeG a única realidade é que temos menos e peores servizos sanitarios”, advirten

Burela 5 maio de 2023. A sanidade pública da comarca da Mariña “continúa en estado de auténtica emerxencia” a consecuencia das políticas do PP sendo a atención primaria “unha das principais damnificadas”, denuncia a CIG Saúde A Mariña.

Actualmente, explican, no Centro de Saúde de Viveiro non hai pediatras tódolos días para atender ás crianzas dos concellos de Viveiro, Ourol e O Vicedo. “Hoxe venres por exemplo non hai pediatra”, confirman dende a central nacionalista.

“O SERGAS envía 2 pediatras dende Lugo un só día á semana ou con menos frecuencia”, sinalan, “ de feito nos últimos meses só tiveron pediatra o 28 de marzo, o 4, 10 e 20 de abril e o 3 de maio de 2023”, segundo puido saber o sindicato polas queixas dos pais e nais.

Déficit crónico nos servizos de pediatría na Mariña

Pola súa banda, a CIG-Saúde da Mariña esixe que se dea unha solución inmediata en relación ao servizo de pediatría do Centro de Saúde de Viveiro en concreto, e na Mariña en xeral, xa que “non se está a dar a cobertura sanitaria axeitada”.

A CIG-Saúde subliña que esta política de desmantelamento da Atención Primaria, que afecta con maior intensidade ao rural, “interfire moi negativamente no control que poida existir, especialmente en recen nados, pola importancia do seguimento en escasos días que debe realizarse”. Pero ademais, advirten, o feito de non haber pediatra en Atención Primaria implica colateralmente a “saturación doutros servizos”.

Consecuencia das políticas neoliberais na sanidade

A CIG-Saúde apunta tamén que o déficit que existe na atención pediátrica nos diversos centros de saúde da comarca é froito de decisións políticas. “Mentres Rueda afirma apostar polo sanidade pública a realidade é que precariza servizos básicos e potencia as relacións coa patronal da sanidade privada galega”, denuncian.

Segundo datos da Asociación Española de Pediatría en Atención Primaria (AEPap), no SERGAS hai até 7.674 crianzas sen profesional de pediatría asignado, o que supón, entre outras cuestións, que 14% das prazas estean ocupadas por médicos de familia e non por pediatras.

Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), os centros de saúde galegos contaban en 2004 con 405 pediatras; en 2021, con 318. Así, 192 concellos carecen de servizo de Pediatría, reducíndose o número de profesionais desta especialidade en 22,5% desde 2009, con 40% dos profesionais superando 55 anos e con 25% por riba de 60 anos.

A saúde, un dereito fundamental

A CIG Saúde da Mariña subliña que “a saúde é un dereito fundamental que debe ser garantido e protexido independentemente do lugar onde vivan os nosos nenos e nenas, polo que esiximos unha sanidade digna e de proximidade na nosa comarca que garanta a atención pediátrica de todas as nenas e nenos da Mariña”.

Nesta liña subliñan que este é “un dereito que defendemos no pasado, no presente e continuaremos defendendo no futuro”.

Exit mobile version