Calquera observador imparcial da realidade histórica e actual do Estado español conviría na súa pluralidade, cando non heteroxeneidade, tanto no que atinxe á súa xeografía, psicoloxía colectiva, clima e alicerces económicos como no que se refire á súa fasquia pluricultural e plurilingüística. Velaí a súa esencial plurinacionalidade.
Mais as elites funcionariais e mediáticas do Estado, canda os sectores empresariais bancario, de distribución eléctrica e construtor-concesional que dependen do Poder estatal como cliente e regulador constitúen un deep state que quere unha España á forza unitarizada. Esa España que turra no económico por un macroMadrid cara aos dez millóns de habitantes sen máis poderes económicos que os vencellados a esa capitalidade artificial, que aposta no político e administrativo por unha ferreña recentralización e que rexeita a máis mínima reivindicación a prol dunha cooficialidade real do galego, euskera e catalán e nega os dereitos lingüísticos dos que adoitamos falalos.
Un destes prexuizos do centralismo españolista é o rexeitamento a todo recoñecemento do autogoberno. Para o Madrid político e para o deep state calquera recoñecemento ou cesión competencial a prol dun Poder autonómico atenta contra a unidade do Estado. E chegan ao absurdo de considerar o incumprimento da legalidade constitucional e estatutaria como exemplo de patriotismo constitucional español. Os constitucionalistas serían os que incumpren a distribución competencial acordada pola Constitución e Estatutos porque o que importa só é a unidade de España.
Euskadi asumiu as competencias de prisións coa aprobación do seu Estatuto no 1979 e non conseguiu o seu traspaso efectivo até fins de 2021 Galicia asumiu as competencias de ordenamento do litoral, xestión do salvamento marítimo, estradas interiores ou ordenamento pesqueiro coa aprobación do seu Estatuto no 1981 e o Estado segue a reter ilegalmente a xestión dos servizos e medios adscritos a estas competencias.
Nesta caste de cuestións existe unha ampla converxencia na actitude das esquerdas e das dereittas españolas. Se Rajoy conxelou consensuadamente con Núñez Feijóo calquera ampliación efectiva do autogoberno galego entre 2011 e 2018, Pedro Sánchez é quen rexeita agora os traspasos que efectivicen as competencias galegas sobre o litoral e a AP-9. Sen esquecermos a Unidas Podemos, abertamente contrario á cogobernanza sanitaria durante a pandemia e promotor de leis que invaden abertamente as competencias autonómicas de consumo ou, recentemente, de vivenda. As esquerdas españolas teñen pendente como autocrítica a de considerar porque asumen acriticamente o marco de interpretación do Estado secularmente imposto pola dereita española.
Cómpre esixir, pois, o esencial dun Estado de Dereito. Que se cumpra a lei e se respecte o autogoberno. Mais mentres os partidos políticos e as elites españolas non asuman que a plurinacionalidade é positiva e constitúe o único xeito de entendermos España será difícil atoparmos cómodos nun espazo de convivencia baseado na exclusión da diferenza.