Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “O PP fai Pérez Jácome alcalde de Ourense”, por Xoán Antón Pérez Lema

No 2019 o PSdeG foi a forza máis votada nas eleccións locais de Ourense, con 9 concellerías, mentres a Democracia Ourensana (DO) de Pérez Jácome obtiña 7. Porén, Núñez Feijóo decidiu votar Pérez Jácome para evitar que o PSdeG quitase a alcadía, mentres en troques DO apoiaba na Deputación a elección de Xosé Manuel Baltar como presidente.

O 28-M DO quitou 10 concellerías, fronte a 7 do PP, 6 do PSdeG e 4 do BNG. Sendo 14 a absoluta precisábanse os votos todos do PPdeG, PSdeG e BNG para substituir Pérez Jácome na alcaldía. Mentres, na Deputación, o PP continuaba sen maioría absoluta.

Pérez Jácome foi denunciado perante Fiscalía polo PP, PSdeG e BNG por mor duns audios publicados no xornal ourensán La Región que semellaban achegar indicios de feitos que poderían ser constitutivos de delictos relevantes no ámbito da gobernanza pública.

O momento político esixía un acordo amplo de todos os partidos agás DO para substituir na alcaldía á persoa sospeitosa dunha semellante conduta. Mais estaba o problema de Xosé Manuel Baltar, tamén indiciariamente responsábel dun delicto de manexo temerario dun automóvil da Deputación ourensá, mentres se coñecía que a mesma viaxe e algunhas anteriores, pola súa eventual finalidade privada, poderían ser investigadas potencialmente como delictos de malversación de uso de vehículos público.

Entón X.M. Baltar renunciou á súa reeleción, abrindo unha solución a tres bandas para a alcaldía, que pasaba polo apoio do BNG e do PP ao candidato do PSdeG, o ex alcalde Francisco Rodríguez. Na noite anterior á investidura o candidato do PP, o tamén ex alcalde Manuel Cabezas, ofrecía este apoio. E moi axiña sóubose que o BNG coincidiría no mesmo voto. Serían 17 concelleiros sobre 27, unha ampla maioría para lle dar estabilidade e dignidade á Institución local da terceira cidade do noso país.

Mais moi poucas horas antes da votación de investidura o PPdeG, seguindo ordes directas de Alfonso Rueda e Paula Prado, asinaba un pacto con DO acordando votar ambos os dous partidos aos seus propios candidatos para elixir ao candidato de cadansúa forza máis votada. O PP voltaba facer alcalde Pérez Jácome.

Tampouco ficou indemne o PSdeG. A súa Executiva Nacional careceu da intelixencia a viaxprecisa para anunciar, logo da retirada de Baltar, que os seus deputados ían a se abster para garantir a elección do candidato popular, para que o PPdeG perdera o argumento usado este sábado para defender o pacto. E o seu secretario provincial, Rodríguez Villarino, defendía hai días negociacións con Pérez Jácome que xeraban confusión a respecto da posibilidade dun acordo DO-PSdeG.

Só o BNG e o seu candidato Xosé Luis Seara mantiveron unha inequívoca actitude de oposición á investidura de Jácome, promovendo os medios precisos para elixir un alcalde alternativo a medio do seu voto ao candidato socialista. Semella, pois, que o futuro labor de oposición vai ser desenvolvido sobranceiramente polos soberanistas, mentres xulgados e fiscalía desenvolven as pescudas xa abertas a respecto da conduta de Pérez Jácome, prognosticando un comezo de lexislatura inestábel e probábelmente cheo de novas rechamantes.

Exit mobile version